Coñezo, por fin, á xente de Ritmo en los Barrios (9 de outubro)

Esta mañá Celina ía levar a Yasir, o seu neto, a unha festa da escola de preescolar á que asiste e ía vestido co traxe típico, coa “cotona”, a camisa floreada que levan. Ó principio estaba tímido comigo pero agora xa nos levamos moi ben.


Celina deume para almorzar plátano frito e queixo frito en aceite de “ajonjolí”, e por se fose pouco tamén arroz con “frijoles”. Moi contundente.

Lenya é a rapaza alemana tamén voluntaria de Ritmo en los Barrios e tamén vive con nós, con esta familia numerosa. Xa chegou fai un mes. É moi nova, só ten 21 anos, pero moi desenvolta.
Contoume que quedaran para ensaiar as cancións todos os profesores e voluntarios nun edificio da asociación Building New Hope, que lles cede o local os venres. Fomos andando ata alí e o percorrido ata o centro da cidade xa foi curioso, coñecendo as rúas preto da miña casa. Algúns homes ó pasar nos dicían “Hei, gringas” e algunha cousa máis pero Lenya comentou que sempre son así, que con non facerlles caso xa está.

A medida que un se vai achegando ó centro as casas trasladan a un á época colonial, son realmente bonitas, con tellados de tella e moitas cores. E o centro é impresionante. Granada é a cidade colonial máis antiga e mellor conservada de Latinoamérica. Remontarse ó ano 1500 resulta doado.
Lenya mercou un “fresco” a unha vendedora ambulante no parque central , unha especie de zumo natural de froitas diversas rebaixado con auga e con xeo. Sírvese nunha pequena bolsa de plástico cunha palliña asomando a través. Tiña moi boa pinta pero con iso de que de momento me debo acostumbrar pouco a pouco á auga de aquí preferín non tomalo.

O ensaio estivo moi ben porque coñecín a practicamente toda a xente de Ritmo en los Barrios: Don Desiderio, Juan, Josué, Oscar Danilo, Alexander, Quelo, Andrea, Sara… creo que non esquezo a ninguén. E ensaiaron as cancións que cantarán os alumnos das escolas onde traballan e nas que eles acompañarán con instrumentos, cancións todas de Carlos Mejía Godoy, o cantautor nicaragüense que tamén actuará o día do concerto co seu grupo, os de Palacagüina.
Aquí tedes unha foto do ensaio.

Tralo ensaio houbo reunión para precisar cousas dese concerto que mencionei. Trátase dun evento importante dentro da asociación, moi importante, é a maneira de dar a coñecer qué está a facer esta xente en diferentes escolas de Granada e tamén un xeito de premiar ós “chavalos” e facelos máis felices coa música e en xeral.
Despois da reunión, na que tamén falamos do que podería facer eu o tempo que esté aquí, fomos rematar de pintar unha “manta” publicitaria que colgarán do balcón da Casa dos Tres Mundos, ou Casa de los Leones. Na escola La Quinta de los Chavalos, unha escoliña nunha zona marxinal á beiriña do lago Nicaragua. A primeira cousa curiosa foi que Quelo (rapaz de Valencia que vai cumplir un curso enteiro aquí) me levou na bici, sentada no guardabarros, entre el e o manillar! E claro, tiña que pasar algún incidente e ó intentar evitar un charco inmenso non houbo control e eu caín cos dous pés dentro. Pero así se desplazan moitas familias aquí: papá pedalea e dirixe, mamá diante no guardabarros e no colo o bebé.

Chegamos á escola. Rematamos de pintar a tela e varias nenas deixaron a pegada das súas mans. Puiden coñecer a inmensidade do lago que se pode ver dende a escola. E alí deixáronme unha bici que gardan para poder utilizala voluntarios ou rapaces, así que eu xa teño burra para mentras esté aquí. Nada máis saír da escola fomos a un lugar moi preto onde ma compuxeron, amañárona en pouco máis de media hora: freno, cámaras e un neumático novos e engrasado de cadea. Todo, pouco máis de 100 córdobas. Se o euro son unhas 27 córdobas, calculade.
Quelo acompañoume a casa e xa quedei aí tranquila, repousando, falando con Celina e xogando co neno na rúa, onde corre a brisa pola noite.

Aquí vos deixo un pequeno slide con imaxes, se poñedes o rato enriba podedes ver algunha explicación.


3 comentarios:

Rosa Pérez Parapar dijo...

Belén, he disfrutado muchísimo teniendo, ¡por fín!, noticias tuyas. ¡Cuídate mucho! y encuentra alguna canción bonita para el coro de profes...que, por cierto, ya ha empezado los ensayos con Miguel.
Un abrazo muy fuerte,
Rosa (the mosquito girl)...

Tomé dijo...

Vaia muller! Mira onde fuches dar... E eu que agardaba darche un pouco a lata este ano con proxectos do demo e tal. En fin, supoño que estarás ben alí, aínda sorprendida polo ambiente novo, pero animada que é o importante. Xa irás contando, que te agrego a favoritos e visítoche o web de cando en cando. Sobre min coméntoche que temos a primeira asamblea da resi esta semana que vén.
Por certo, a que raio fuches a Nicaragua...?

tecnoloxia dijo...

Esta presentación é moi bonita. Juanita e Goyito son bonecos ou son de verdade?. En calquera caso son moi guapos