Escuelita "Juan Diego" e máis...(13 de outubro)

Hoxe tiña que estar diante da Casa dos Tres Mundos ás 6 da mañá. Alí quedei con Quelo para ir á escola “Juan Diego”, nome daquel que un día se encontrou coa Virxe de Guadalupe no Tepeyac, unha zona rural a uns 10 kms de Granada e costa arriba, está na saia do Mombacho.
Fomos en bici ata o cemiterio de Granada, onde colles o autobús que te achega ata alá. Quelo ó parecer leva o curso enteiro subindo todo o camiño en bici pero como hoxe ía eu de “lastre” foi mellor a opción motorizada. Os rapaces encargados subíronnos a bici ó tellado do autobús e unha vez sentados veu o “revisor” cobrarnos 10 córdobas. Uns buses sempre peculiares sobre todo sorprendeume (e tamén non me sorprendeu) ver un altavoz colocado enriba dos portamaletas dentro do bus, apuntando directamente cara a zona onde iamos sentados: se xa me cansaba a canción do Baute e a Marta Sánchez, agora aborrézoa, e imaxinaredes por qué… Ese volume atronador a esas horas da mañá non é sano, pero non só no bus, na tranquilidade da mañá tamén se pode escoitar música a intensidade a tope saíndo das casiñas tanto da cidade coma das aldeas, de veras, casiñas algunhas feitas de tablóns de madeira ou bloques, é o mesmo, algúns (bastantes…) teñen ese gusto. Eu son afortunada, na miña casa non lles dá por aí e na mesma rúa non hai ningún esaxerado tampouco.
Por certo, algunhas fotos do slide vense moito mellor cando se coloca o rato enriba, non sei por qué no slide se escurecen un montón... Se alguén me pode suxerir algo que facer na cámara, graciñas!




Baixamos e baixáronnos ás bicis ó pé dun camiño á esquerda da estrada. Había unha luz diáfana da mañá pero entrando a través da bruma, a néboa que comezaba a erguerse cara a cumbre do volcán. Saquei fotos pero unha vez vistas no ordenador non creo que fagan xustiza a ese espectáculo, unha mágoa…
E pedaleamos lentamente a través do camiño, primeiro de formigón e despois de pura terra, camiño de monte ó pé do cal viven as familias e os nenos percorren para ir á escoliña.
No camiño hai un lugar de retiro levado por monxas e Quelo díxome que pagaba a pena ver a vista dende alí. Subimos á terraza. Foto.




Chegamos á escoliña “Juan Diego” pouco despois e os nenos agardaban ás profesoras xogando nos columpios.


Quelo presentoumas e fun coñecendo a algúns dos nenos que por alí andaban. Esa escoliña de momento só ten tres graos e tamén atenden a nenos de preescolar, pero quizais aumenten dous máis para para o próximo curso.
Tocou primeiro cos de 1º e tamén nos trouxeron para a aula ós pequeniños de preescolar. Coñecelos foi xenial, as miradas e sorrisos dicíano todo; nenos que non teñen nada e que disfrutan con calquer mínimo detalle que un lles ofrece, tanto musical coma humano. E igual resultou coas outras dúas clases.
Espero que poidades apreciar nas fotos exactamente cómo é a escola na que dan as súas clases, tanto a construcción (escolas de bloque e cinc) coma a escasez de recursos educativos (apenas nada); en canto a música se refire o que colle no fondo dun saquiño é do que dispoñen, un par de triángulos, un par de claves, uns crótalos… pouco máis. O entorno, iso sí, inmellorable.
Eu saco conclusións disto que vou vendo e que tamén dalgún xeito ou outro xa coñecía e imaxinaba pero recoñezo que non é a palabra o meu, así que prefiro deixalo aquí. Que cada un siga por si mesmo.





Unha vez rematadas ás clases fomos todo o camiño de volta en bici, un marabilloso paseo ata Granada. Parei sacar fotos dunha árbore xigantísima que creo que se chama “malinche” e mais da parede da mina de onde sacan o material para o formigón, seica. Tamén fixemos unha parada na escola “Epifanía”, ó parecer é da que naceu este proxecto musical, dende aí se espallou ás 9 escolas públicas nas que hoxe se desenrola.




Xa de volta en Granada levamos as bicis a compoñer outra vez: a miña burriña tiña que ser trasplantada a roda de diante e mais houbo que endereitarlle o “ring”, como lle chaman aquí, sería estabilizar a roda para que non baile. O primeiro fixémolo nun taller que coñecía Quelo bastante barato (amaño de “punchazo” 4 córdobas) e o segundo no taller do primeiro día, no que son realmente amables. Para que non agardes de pé sácanche unhas sillas para que sentes, amañan as bicis ó momento, e no primeiro déronme unha mecedora, moi típicas aquí en tódalas casas.



Ás 6 da tarde había clase gratuita de baile nun precioso hotel que hai preto da miña casa. Bachata e salsa (que me gusta moito máis) foi o que estivemos aprendendo; había moita xente estranxeira, voluntarios que traballan aquí con distintas organizacións. Divertido, tocoume bailar cun rapaz austríaco.
Ás 7 proxectaban na Casa dos Tres Mundos dúas curtas moi boas, unha brasileña (“A ilha das Flores”) e unha cubana (“Isla de la Juventud”). Se tedes ocasión, procurádeas.

Mañá tería que ir acompañar á profesora Marian a outra escoliña pero chamou Oscar e díxome que finalmente non podía ser. Así que vou facer plans con Celina, apetéceme que me leve por Granada adiante.

No hay comentarios: