Escoliña "Salomón de la Selva" (15 de outubro)

A mañá de hoxe tíñaa libre así que fun buscar patrocinadores pola cidade, aínda percorrín unha cantidade importante de lugares. Todos me dan respostas para a semana que vén en diante, a ver se obteño algunha positiva. Merquei unha pucha (gorra), importante.

Ás 2.45 quedara con Josué (profesor de Ritmo en los Barrios) para ir á escoliña de “Salomón de la Selva”, situada no medio rural dos arredores de Granada.

Hoxe fixo moitísimo calor e eu estaba morta a iso da 1, deitei na hamaca e sentía como se me tivera pasado unha camioneta por riba. Por iso baixei antes ó centro a tomar un café a un lugar onde quedara debendo tres córdobas pola mañá…é que cando fun pagar dinme conta de que ó mellor levaba os cartos xustísimos e así foi (a máis de un lembraralle a algún que outro momento comigo…).
Non houbo problema por parte das rapazas así que todos tranquilos.

O camiño ata “Salomón de la Selva” é toda unha aventura: situado preto do cerro “Posintepe”, principalmente de terra e pedras, charcos (hai un xigante), gando, casiñas de tablóns de madeira á beira do percorrido… pero chegado un punto xa non hai máis que árbores e prados. Algúns nenos teñen que andar ata media hora para chegar ata alí.
Namorei dese lugar. Hai poucos nenos pero a felicidade que alí se respira é inmensa.
Saudáronme poñéndose de pé.
Alí traballa como profesor de luns a venres un rapaz italiano, Giuseppe, ó que os nenos chaman José. El colabora cunha organización que se chama "La Esperanza" e coordina diferentes traballos de voluntariado (alfabetización, construcción de escolas...). Falei con el e creo que vou intentar ir a “Salomón de la Selva” polo menos dous días á semana, apetéceme moitísimo traballar alí. Intentarei dar clase de música e apoiar no estudio das diferentes materias, como español, teñen un nivel moi moi básico.
Giuseppe botoume 25 anos, jeje!

Marchamos xuntos Josué, Giuseppe, o profesor José e mais eu. No camiño “punchou” a bici do profesor (é o risco que ten ese percorrido) e Josué e mais eu adiantámonos para poder chegar ó “Palí”, o supermercado, xa que a abuelita Luísa me pedira mercar un litro de leite para facer mañá o “atol de millo” que levará Yasir á escola (teñen unha festa típica).
Tamén quería chegar á casa de “Calli-Tanday” antes das 7 para pillar a Eliza, xa tiña ganas de vela despois de coñecela en Lugo. E cheguei a tempo.
Estivemos falando longo rato, de moitas cousas: do meu posible traballo na casa, de ir visitar con elas as zonas rurais onde levan a cabo proxectos varios, e mesmo suxeríume saír xuntas de excursión ó que por suposto preguntei que para cando. O sábado ás 10 quedei con ela para ir coa súa filla a “Catarina”, que creo é máis fresco ca Granada e xa teño ganas de notar unhas temperaturas máis baixas, xa.



1 comentario:

BioXeo dijo...

Belén, que alegría ter noticias túas contadas con tanta intensidade. Podemos compartir contigo ó día a día. As fotos son maravillosas.
Noraboa e un abrazo moi , moi forte. Cuídate moito!!! Pilar