Á procura de patrocinadores e Escuelita "Yo puedo" (12 de outubro)

En teoría hoxe debía ir á Quinta dos Chavalos a ver as primeiras clases pero os nenos tomaron o día festivo (o Día da Raza Indíxena, creo) e non apareceron así que aproveitamos para levar ó taller da esquina a bici para parchar. Oscar viñera buscarnos a Lenya e mais eu ata a casa para ir xuntos. Oscar é o que agora leva a organización de Ritmo en los Barrios, un universitario (estudia Dereito) amante do teatro e da música.

Decidimos facer “plan B”, seguir buscando patrocinadores para o concerto do día 8 de novembro. Precisan cartos e aquí algunha xente é bastante reacia para cooperar. E por outra banda, o proxecto é moi reciente e polo tanto descoñecido por moitos na mesma Granada. Por iso o concerto deste ano é tan importante e pretenden darlle moita difusión coa actuación de Carlos Mejía, mesmo chamaron a dúas televisións locais.
Acudimos a unha empresa de aluguer de coches, a un hostal, á librería-papelería por excelencia de Nicaragua (a Gonper) e mesmo ó banco. A ver se respostan estes días favorablemente.
E xa que pasaba por aquí, se alguén está interesado en colaborar por pouco que sexa coa causa de Ritmo en los Barrios (sempre sen sentirse presionado por este comunicado) pode facelo, eu podería dar os datos bancarios onde poder ingresar algún cartiño.
Paseando pola rúa apareceu unha volvoreta, pero unha volvoreta xigante! As volvoretas aquí son tres ou catro veces máis grandes que as que nós podemos ver por alá. Fermosa, amarela.

Entrounos a fame a iso das 12 e fomos ó telepizza granadino a degustar unha pizza, media vexetariana e media carnívora (había disparidade de criterios así que como Salomón, á metade).
E unha vez recargada enerxía eu fun á Escuelita “Yo puedo”, levada pola fundación Building New Hope, onde Quelo estaba a dar clases de piano a uns cantos rapaces e rapazas, clases que terei que continuar eu cando el marche. Ademais había clase colectiva para ensaiar as cancións que esta "escuelita" en concreto vai interpretar no concerto de fin de curso.
Qué emocionante foi ver a estes nenos por fin. Non teño fotos do ensaio en conxunto, xusto se me acabou a batería da cámara.

Unha vez rematada a sesión fun con Quelo ó mercado. Paramos nun posto de queixos (teñen variedades de queixos moi sabrosas), nun de arroces e noutro do que aquí chaman “tortillas”, que sería algo parecido ó pan de pita pero máis doce, creo. Mentras pasábamos por diante dos postos puiden ver gran variedade de froitas e verduras, moi descoñecidas, e preguntamos qué eran e cómo se chamaban aquelas que Quelo aínda descoñecía. Pero se preguntas e non mercas non creades que lles parece moi ben, polo menos a algúns…
Espero ter fotos do mercado en breve, paga a pena.

Mentras estabamos nas clases caeu tremendo chaparrón que provocou apagón na zona onde eu vivo dende as 4.30 ata as 7.30 da tardiña, hora na que puiden ir mirar internet.

Ó voltar de internet a iso das 9.30 chegou Celina dunha reunión-concerto da Igrexa Evanxelista, á que ela adica moito tempo. Viña toda “ahuevada” porque aínda se tiña que poñer a cociñar para prepararlle a comida para o día seguinte ó seu fillo Olbin e de paso á familia enteira. Mentras limpábamos o arroz estivemos falando longo rato da súa vida e das dificultades da xente de aquí e das súas mesmas: aquí cóbrase un salario quincenal que pode rondar unhas 500 córdobas (se un euro son unhas 27 córdobas, máis menos…) e con iso hai que pagar alimentación, escolas, universidade, auga, luz, teléfono… dunha familia. E un dato sobre saúde feminina, facerse unha mamografía son unhas 700 córdobas.
Ás 4.30 da mañá Celina volve espertar para prepararlle o xantar ó seu fillo mañá para que o leve ó traballo.  Cando esta mañá seguinte eu espertei ás 5.15, tiña preparado tamén o meu.



No hay comentarios: