Coñecendo a cidade (10 de outubro)


Esta mañá lavei roupa no patio. Lenya marchou á praia a San Juan del Sur pero eu decidín quedar para coñecer mellor a cidade e establecerme mellor.
Mentras lavaba chegaron un rapaz e unha rapaza e acompañados por Celina foron polos diferentes lugares da casa que tiñan auga estancada botando algo dunha bolsa; era como uns polviños que despois me explicou Celina que servían para evitar que explotasen máis zancudos (mosquitos, lembrade).
Celina preparou para almorzar frijoles, plátano frito e salchichón frito. Sempre ten preparado o almorzo de todos, mesmo esperta ás 4 da mañá para prepararllo ó seu fillo Olbin, que marcha na madrugada a traballar nun matadeiro de polos.

Ás 12 veu buscarme Quelo e en bici entramos no centro pola rúa do Comercio, chea de xente e locais moi diferentes, bancos, hoteis, ferreterías, tendas de roupa e unha tenda de bicis e repostos onde había un posto para cambiar de dólares a córdobas… e de aí á Casa dos Tres Mundos a encontrarnos con Oscar e falar do concerto. A Casa dos Tres Mundos é impresionante, un edificio colonial con patios interiores e estancias múltiples onde se realizan obradoiros de pintura, serigrafía, fotografía, danza folklórica, samba, unha radio retransmite dende alí e tamén se dan as clases de música para os nenos. Nun dos patios está o retrato en azulexo do que creou a fundación cultural “Casa de los Tres Mundos” porque en realidade o nome é o de Casa de Los Leones. O outro patio é un verxel con moitísimas prantas e os nenos tocan entre elas.

Despois da reunión comimos unhas porcións de pizza e Quelo me ensinou cómo ir ó mercado, cheo de pequenos postos cargados de centos de cousas diferentes, un mercado moi moi humilde pero con moito encanto. Antes paramos no hospedaxe dun francés que ofrece comidas vexetarianas e elabora pans diferentes, integral, doce…

No mercado comprei as chanclas por 30 córdobas e unha toalla por 60.

Percorrimos moitos lugares ata chegar á casa de Quelo, preto do Hospital Vello, un edificio ruinoso que no seu momento debeu de ser impresionante. Entre esas imaxes divertidas, un home co seu neno colocado atrás e no manillar un pedazo de radiocasette, vello e moi curioso, antigo pero a moito volume!

Coñecín ó dono do hostal Kalala, un rapaz de Costa Rica que tamén leva unha tenda de artesanía nica; funciona como unha especie de cooperativa de artesanos que alí expoñen e venden parte da súa mercancía. Os voluntarios temos un 10% de desconto.

Quelo recomendoume vir ata á casa deixar os cartos que cambiara e despois volver ata ó centro. E quedamos con Guillem, un rapaz valenciano que tamén anda por aquí. Os tres fomos paseando ata unha igrexa grande e branca onde había unha voda, a idea era ir tomar algo pero chamounos a atención ver cómo era e paramos a sentarnos nun porche diante da igrexa e a que non sabedes qué soaba mentras a noiva aínda non facía a entrada… o himno de España!!! Quedámonos ollipláticos escoitando ó órgano o himno de España mentras a noiva agardaba fóra. Tremendo. Despois, coma sempre, a marcha nupcial e cancións de Igrexa.
Corría brisa fresca mentras charlábamos. A xente facía grupos alí ó carón e uns homes sacaron as guitarras, pero non chegamos a escoitarlles nada.
Eu marchei pouco despois. Ó chegar á casa Luisa preparoume para cear arroz con frijoles con queixo raiado todo espolvoreado por riba. Rico.






No hay comentarios: