Voando e aterrizando en Nicaragua (8 de outubro)

Por fin dou sinais de vida.
Levo dous días en Nicaragua (creo que todavía non os completo) e iso é o primeiro que teño que aclarar.
Todos contábades coa miña partida para o día 1 de outubro pero o peso que carguei na maleta fixo que me aparecera unha forte dor de espalda na zona dunha vértebra, así que por precaución decidín, moi ben aconsellada, aplazar a saída ata saber que non era nada e que podía marchar tranquila. E xusto para unha semana despois collín o novo billete. O “gracioso” é que a dor seguro foi provocada polo moito que pesaba o material bibliográfico que para aquí traía, a razón desta viaxe foi a razón para quedar, irónico.

Comezarei polo principio. A viaxe.
Despois das présas por chegar ó aeroporto, collín o avión rumbo a Atlanta case sen despedirme (e case mellor tamén que fose así). Deixáronme subir a guitarra sen problemas e acomodeime esperando ó compañeiro, que resultou ser un tipo de Santiago que levaba 9 anos traballando como contable en Orlando. Total, xa comezamos a falar (porque falar falaba un rato…) e iso me axudou a distraerme cos nervios polo despegue e demais.
Vin tres películas e outros tantos documentais durante o voo… Incrible, traguei unha de Russel Crowe en inglés sen enterarme absolutamente de nada, en español latino (ou sexa, mexicano) vin Terminator Salvation (caramba, esa sí que a podía ter visto en inglés, a trama non era precisamente complexa…) e finalmente unha película hondureña a mellor de todas pero moi dura, Sin Nombre, onde se cruzan a emigración cara EEUU e a mara Salvatrucha.

Xa en Atlanta e tras pasar os férreos controles de seguridade norteamericanos (menudos líos se traen…) tomei o avión cara Managua, que por certo tardou en despegar por un problema mecánico… Aiiiii, qué nerviosa me puxen… Por riba, xusto despois de comunicar que xa estaba solucionado e que por favor desconectáramos todo aparato electrónico, vai o xaponés que tiña detrás de min e lle soa o móvil mentras enfilamos a pista… Aiiiii, qué nerviosa me puxo… Mirei para el e pregunteille malamente en inglés se xa o apagara, a miña expresión xa era suficiente información…
Todo foi ben.

O primeiro que me sorprendeu foi que xa era noite pasadas as sete e media da tarde, de feito a partir das seis comeza a escurecer. Son 12 horas xustas de noite e día e durante o resto do ano.
Pasei o control de aduanas, onde tiven que pagar 5 dólares, e por min estaba agardando unha señorita da compañía de transportes que contratara para trasladarme a Granada. Recollín a maleta, busquei o repelente de mosquitos enseguidiña (graciñas, Rosa) e xa me levaron ata o microbús.

Tomamos a estrada do que me imaxino eran as aforas de Managua, con bastante tráfico, modestísimos hoteis, á beira casas de bloques e tellados de cinc e a xente afora, sentados nas cadeiras en conversación. Todo era tan estrano, de noite, eu tan cansada… que case non podo dicir qué sensacións tiña pero sí claro era o desexo de chegar pronto a onde me agardaban.
Foron uns 50 minutos de percorrido vendo rancheras cargando xente atrás, pequenos buses ateigados de humanidade, gasolineras con persoas agardando eses buses, restaurantes, cans vagando sós, nenos cruzando xogando e correndo… E cheguei a casa de Celina.

Celina e a familia viven nunha casa de cor rosa oscuro (ou vermello pálido, non sei) con bastantes cuartos (unhas 6 habitacións), cun salón cociña grande, un baño e un patio onde están os lavadoiros dos pratos e a roupa. O primeiro que recordo ó baixar do bus é o porche enrexado cunha hamaca verde colgando no medio. É unha casa de bloque e co tellado de cinc, o que fai que o calor dentro sexa moi forte durante case todo o día. Moitas casas aquí son así ou co tellado de tella, un pouco máis frescas.

Entrei e vin á avoa e un dos seus fillos cociñando tras da barra da cociña, Luisa e Olbin, e sentado nunha das mecedoras ó outro rapaz, Gabriel Enrique. Ó día seguinte coñecería a irmá de Celina, Carla, unha rapaza discapacitada que parece que tivera unha linguaxe propia, sempre anda a falar pero ninguén a entende, e mais Evelyn que é a moza de Gabriel. Tamén vive con eles o fillo de Olbin e polo tanto neto de Celina, un neno de tres anos ben riquiño que se chama Olbin Yasir.

Despois de ensinarme a casa ocupei o meu cuarto e fun a un local na rúa da esquina que é coma un locutorio onde hai teléfonos e internet, e alí chamei a casa. Percorrer esa pequena rúa ata o cíber foi como unha pequena primeira aventura porque era o meu primeiro paseo por rúas de Granada e o primeiro contacto con este mundo. Pero era coma a rúa dunha aldea onde a xente está fóra das casas ata as dez da noite ó fresco e saúdan ó pasar.

Ó voltar quedei falando un pouco coa familia e xa me fun deitar. Ata o día seguinte.
Aurelia, graciñas pola mosquitera.

1 comentario:

Judith dijo...

Agora son eu a que está moi orgullosa de ti...Judith.