En bici no lago Cocibolca e piñata (11 de outubro)

Hoxe domingo chamou Quelo pola mañá para comentarme se ibamos ó lago a bañarnos. O de bañarse tíñao eu dubidoso por varias razóns pero a idea de ir visitar esa zona pareceume imposible de rexeitar.
Ás 11 recolleume en casa e nas bicis collimos a ruta que vai a carón da escola da Quinta dos Chavalos, que está á beiriña do lago e fomos por unha estrada de terra que vai atravesando un barrio de casas que son chaboliñas, é unha zona moi marxinal.
Ó estar á beira do lago a vexetación é sempre exuberante, con árbores inmensas de ata 40 metros de alto. Quelo díxome o nome de algunha pero xa non son capaz de lembralo…
Ese camiño é un atallo dende a miña casa ata o que é o Centro Turístico de Granada, un paseo fluvial con amplas zonas verdes, parques para os nenos e grandes “chiringuitos” para comer peixe frito e de noite bailar merengue, bachata, salsa…
E bordeando o lago hai como unha praia fluvial inmensa na que a xente se baña, as mulleres sempre vestidas.
Cando se alonxa un do centro turístico aparecen postos de turismo de aventura con kayaks e ese tipo de actividades.

O lago Nicaragua ou Cocibolca (nome indíxena) é o máis grande de Centroamérica, arredor de 350.000km2! E dentro del está a illa de auga doce máis grande do mundo, Ometepe, que ás veces ata non se pode divisar ben pola bruma e as nubes que a cubren pois é unha montaña alá ó lonxe. Tamén hai outra illa, Zapatera, máis preto e visible á que se pode ir en “panga”, unha embarcación típica de aquí, a facer rutas de natureza; en Zapatera tamén se poden visitar zonas con petroglifos e outros vestixios indíxenas que americanos e mesmo españois levan expoliando hai moito tempo (sen comentarios).
Para que vos fagades unha idea, Granada ten ós seus pés o lago Cocibolca e facéndolle garda a carón o gran volcán Mombacho, cuberto por espesa vexetación tropical (lémbrame á película “Gorilas na néboa”) e coroado por nubes. No noso paseo, nos prados nos que pastan algunhas vacas, podes ver enormes rochas volcánicas por aí espalladas que din que foron escupidas polo Mombacho e hai cada unha… Menuda forza o Mombacho, tal é así que quizais as “isletas” máis pequenas tamén fosen escupidas por el fará uns 10.000 anos.
A nosa ruta continuou precisamente bordeando a zona de Puerto Asese, a Penínula de Asese, a carón do arquipélago tropical das isletas, onde todavía hoxe viven familias moi pobres de pescadores que alí subsisten moitas veces sen ningún tipo de dereito sobre o que deberían de ser as súas propiedades.

E na bici, atravesando esa vexetación tropical, chegamos a onde Quelo me quería levar, un centro de menores que á beira do lago nunha zona pouco turística que se coñece como “Los Quinchos. Casa Lago”, fundado gracias á cooperación italiana. Alí nos recibiron varios rapaces que xa coñecían ó meu compañeiro de ruta e que estaban elaborando pulseiras e hamacas para logo vendelas. Iso é o que fan cando non teñen as horas de estudio na escola ou de autoestudio no centro.
O lugar tiña unha maxia especial, a paz que alí reinaba baixo as árbores, vendo as illas coas casiñas dos pescadores á beira, pedía quedar moito máis tempo. Ademais a compañía era agradable pois mentras Quelo se bañaba apareceron o profesor que ese domingo quedaba acompañando ós rapaces todo o día e máis Jeffrey, un dos “chavalos” do centro, e falamos de fútbol, de música, da historia das isletas e de monos! Seica hai unha raza que eles chaman “congos” que en familias baixan de noite beber ó lago e arman tremendo bochinche cando voltan cara o cerro do Mombacho.
Pero había que marchar.

Tras un camiño de volta baixo o sol e co sillín da bicicleta facendo callo, chegamos á miña casa. Celina, que é moi relixiosa (evanxelista), tiña unha reunión na igrexa ás 5 da tarde e o neto ó mesmo tempo estaba invitado ó que eles chaman unha “piñata”, un cumpreanos dunha compañeira da escola de preescolar. Como o pai tampouco podía levalo pedíume se por favor podía quedar eu con el na festa. E alá fomos, eu no guardabarros de Quelo (porque a miña bici apareceu “punchada” despois do trote a través do monte) e Olbin na outra bici con Celina e Yasir.

Chegamos á casa do cumple e alí estaba a nena homenaxeada co que digo eu será o tipo de vestido que se poñen para celebrar estas cousas, era un vestido de festa amarelo brillante con volantes e outros adornos (moi discreto…). Nada máis entrar dáselle o regalo á nena e cada mamá senta nunha cadeira a carón do seu pequeno, sentado noutra pero do seu tamaño. E poñen música.
Aiii, qué volume… aquelo era algo insoportable, os bafles rompían os tímpanos meus! Imaxinade os sensibles oídos dos cativos… E non era música infantil, non, era puro reggaeton!!!
Logo chegou a hora da piñata e un por un o neno que quere vai darlle golpes a un Winni DePooh (non sei cómo se escribe) xigante que un home cunha corda baixa e sube ó seu antoxo.
Yasir estaba tímido e medoso ó principio pero despois soltouse cando chegou o xeado e todo valdregas poñía bigote de fresa bromeando comigo e con outra nena.

Onte fixo un calor intenso con sol forte. Pero Nicaragua ten a particularidade de que de súpeto se cubra o ceo e comece a chover torrencialmente por un perído non moi longo de tempo, onte ademais rompeu a tronar, todo mentras estabamos na festa de cumpreanos. E qué tronos… parecía que o tellado de cinc ía reventar pero unha mamá que había alí ó meu lado xa me dixo que era normal. Todo o mundo estaba tranquilísimo, claro.
Cando escampou Yasir quixo marchar e voltamos para casa, un taxi parounos e xa levaba a unha mamá coa súa nena e despois de recollernos a nós aínda subíu outro rapaz. Taxi comunitario.
De volta á casa.








No hay comentarios: