Un día cun mal final (17 de outubro)


Non sei cómo encarar este relato. Foi un día bo pero rematou coma nunca quixera que rematara. É un difícil comezo o que hoxe me toca; por moito que ás veces todo este teatro do mundo e a vida nos resulte cando menos incomprensible, por moito que ás veces perdamos de vista o sentido que ten (e se é que o ten), hai que seguir xirando.
Isto é hoxe un pedazo do meu corazón adicado a alguén que vivíu apaixoadamente por e para a música e por iso e moito máis sempre lembrarei. Para Jorge.

A excursión foi a “Catarina”, unha vila pequena onde existe un mirador dende o que a vista alcanza toda a “Lagoa de Apoyo”. Realmente impresionante. Granada pequeniña ó fondo, case un punto branco onde se podía adiviñar a cúpula da Catedral, e o Mombacho á dereita.
A Lagoa probablemente fose nalgún tempo o cráter dun volcán e Eliza contounos que existe a lenda dunha gran serpe que xusto vive no centro e que ninguén se achega ata alí, nin os pescadores.

Os excursionistas fomos seis: Eliza, os seus dous fillos Moisés e Isaac e a nena Esther mais Giuseppe, o voluntario italiano que está traballando en “Salomón de la Selva”.
Mentras falabamos sentados na herba sobre lendas de Nicaragua, tipos de formigas (seica en Nicaragua hai variados tipos) e outros asuntos apareceron unha parella de irmáns que traían nas súas mochiliñas da escola artesanía para vender. Veñen ata Catarina os sábados e domingos andando dende “San Juan de Oriente” (un dos chamados “pobos blancos” que hai pola zona e que destacan pola venda de artesanía nica) para ofrecer unhas cantas pezas de barro típicas, dúas fermosas por tan só 60 córdobas (dous euros escasos).
E quixeras mercalas esas e todas as que che ofrecen cada un dos nenos que ves cargando as súas mercancías pero non pode ser e costa dicirlles que non.

No bus de volta atopamos cun neno que fixo da nosa viaxe unha delicia coas súas risotadas ó vernos a Giuseppe e mais eu facerlle monerías, canto ría…




Xa en Granada fun coñecer a casa de Giuseppe, que aluga un cuarto no centro por 70 dólares á semana. A casa é moi linda e a familia (como a maioría) moi acolledora; comín o que a señora Lupita nos ofreceu, sopa de frijoles (con ovo polo medio), arroz con vexetais e plátano. Ademais tiñan moitos zumes feitos, de “pitaya”, de “guayaba” e de melocotón con laranxa. Probei os dous primeiros, boísimos…
As fillas de Lupita ían de voda a Managua, moi elegantes.




Ben xantados Giuseppe acompañoume a ver unhas habitacións que alugan preto da súa casa, moi céntrico. E acabamos no Hostal El Dorado, propiedade dun valenciano que leva proxectos sociais varios traballando con chavalos de Nicaragua, un traballo moi interesante do que nos estivo contando moitísimas cousas e co que quedamos marabillados. Son moitísimos detalles, tantos que probablemente non poderei lembralos todos (precisamente no día de hoxe non estou para operacións mentais dese calibre): o proxecto comezou fai catro anos pero ten tan boa pinta que un pensa que é moito máis o que leva en marcha. Á beira do hostal hai un obradoiro de hamacas fermoso onde traballan chavalos que reciben un salario á semana que levan ás súas casas (basicamente para comer), algúns deles rapaces discapacitados, hai un traballo especial con eses nenos; o tío Antonio (como se coñece a este home fundador do proxecto) está especialmente orgulloso da primeira promoción de rapaces e rapazas becados pola organización que chegou este ano á universidade.
Na súa cabeza non deixan de nacer ideas que vai sacando adiante con moitos e duros esforzos (e algunha que outra pedra polo camiño…) e que vai plasmando nun blogue onde vos podedes informar mellor. Ah, e él tamén recibe a voluntarios que queiran participar nalgún dos proxectos en marcha e no seu hostal fai un desconto especial para esta xente, e un hostal moi acolledor e fresco, por certo.
Aquí está a dirección: http://tioantonio.blog.com





No hay comentarios: