Lagoa de Apoyo (18 de outubro)

Onte coñecín a Lagoa de Apoyo dende fóra, dende arriba. Hoxe tocou dende dentro. Giuseppe e Carla (unha rapaza nica que traballa becada pola organización La Esperanza) foron os acompañantes.

Collimos bus a 15 córdobas e estrañoume pois o outro día un traxecto máis longo saíunos por 9 córdobas ¡…? Non entendín, quíxenlle preguntar ó rapaz pero a resposta foi que sempre cobran iso e non é certo, será polo tipo de bus, este era máis novo e pequeno…
Chegamos ó cruce para a lagoa e alí, cinco minutos despois (houbo sorte) apareceu outro bus que nos levaba ata abaixo, ata a mesma lagoa; foron 12 córdobas máis.
Foi interesante vela o día despois xa dende dentro e é bonita, moi bonita.

Ó principio estabamos sós, buscamos un lugar un pouco apartado dos chiringuitos máis turísticos (polo tanto con máis guiris, máis “chelas”, como creo que nos din aquí) e démonos un baño. A auga, a da bañeira, caldosa caldosa…
A medida que pasou a mañá e chegou o mediodía foron chegando familias e ó noso carón púxose unha ben grande que tamén traía mascota, un “chocoyo”.

Estiven a falar con Carla acerca da costumbre Nica de bañarse coa roupa, non existe a cultura do traxe de baño (mesmo algún home vin bañar con camiseta) e ela díxome que para as nicas é algo “vulgar” vestirse así, que ó mellor na costa sí se admite máis pero o que ela coñece é así, de feito ela bañouse en pantalón curto e camiseta.
Pouco despois fomos comer algo a un chiringuito (uns tacos non moi bos por certo).

Intentamos atopar unhas canoas ou algo parecido para navegar na lagoa. Tras varios intentos os meus compañeiros deron con algo parecido e pegáronse un pequeno paseo por 30 córdobas (unha media hora); eu esta vez preferín pasar, pegaba duro o sol e non me apetecía que me dese de cheo, hoxe fixo outra vez moito calor e na lagoa case nin corría brisa, debe de ser polo anel de parede que a rodea.
Lembrades o de que quizais a orixe sexa o dun cráter? A area da beiriña é negra, como area volcánica.
Ademais de natureza, hoxe vin moitas imaxes bonitas. Fotos.

O derradeiro bus saía ás 15.30 e chegamos uns tres minutos tarde! Así que pensamos en facer “ray” (autostop), algo moi habitual aquí; apareceu nese intre unha furgo tipo ranchera da Cruz Vermella e deixáronnos subir detrás, a nolos tres e mais outra rapaza. Foi ben divertido, moi movidiña viaxe.
Achegáronnos á carretera principal e alí agardamos outro bus para Granada.

Ás 16.30 máis ou menos estabamos no Parque Cental e eu vin dereitiña para casa coa bici, que a tiña en casa de Giuseppe. Hoxe tocábame facela colada e tiña ben dela.




2 comentarios:

Bea dijo...

¡¡¡Qué pasada de sitio!!!

Belén Gato dijo...

A verdade é que sí, a natureza aquí é tremendamente exuberante. Íache gustar, as árbores son xigantes verdes.