Mercado en Masaya e "Calli-Tanday" (14 de outubro)

Estas crónicas están sendo moi extensas, seino, o que supoño é que co tempo reducirei o seu tamaño xa que as novidades deixarán de selo e a rutina dos acontecementos farán que non vos conte tanto como ata agora.

Ó final non fun á escola así que lle propuxen a Celina ir de mercados por aí cando ela rematara de traballar. Estiven en casa lendo, tocando un pouco a guitarra e fun ó ciber. Hoxe pasoume unha cousa curiosa alí, o señor que atendía (que habitualmente son dous nicas máis noviños) díxome que se podía agardar polo ordenador e sinaloume as cadeiras que alí había; unha vez sentada apareceu cun libro para que me entretivera, qué detalle, pensei pero en canto vin a portada comezou todo, é que era o Novo Testamento! Eu deille as gracias e comenteille que estaba ben, que non me apetecía ler; claro, el decidíu indagar e comezou a preguntarme que se non me gustaba, que por qué, que acaso non me gustaba saber sobre o home e o mundo… eu díxenlle que me parecía interesante pero que prefería outro tipo de lecturas; tampouco lle satisfaceu a miña resposta e comezou coa música, que se non me gustaba a música cristiana que tumba que dálle… pois puxo música cristiana.
Ata aí. Cando menos foi un curioso encontronazo mañaneiro.
Xa logo fun encontrarme con Celina na esquina do Parque Sandino e quixo ensinarme o supermercado caro de Granada, La Colonia, onde van mercar os que teñan cartos; Celina vai ó Palí, a carón do mercado de postos na rúa.
Falando falando comentei que un día quería ir a Masaya, ó mercado de artesanía (moi recomendado na LonelyPlanet) así que Celina, que non tiña qué facer ata as 6, propuxo coller o bus e marchar nese mesmo momento. Foi xenial!

O traxecto ata alí, a chegada ó “parking” de Masaya (por chamalo dalgunha maneira…) e a entrada ó mercado, como unha gran praza de abastos de “abarrotería” (como din aquí para unha tenda que vende de todo). Incrible, aquelo era un auténtico labirinto de postos e máis postos agrupados según xénero (zapatos, artesanía, roupa, cereais, verduras, xoguetes…) e cando digo labirinto quero dicir realmente labirinto.
Menos mal que viña Celina porque perderse é o máis normal do mundo, continuos zigzagueos por corredores que nunca sabes onde van dar, a onde sairán. Marabilloso.

Deunos a hora de comer e fixémolo nun dos comedores que hai dentro do mercado, o que a Celina lle gusta máis por ben posto e hixiénico. Un menú ben potente.

Saímos dese recinto e levoume ó mercado vello de Masaya. Chámanlle así porque supoño o sería nalgún tempo e porque está situado dentro dunhas ruínas que parecen unhas murallas coloniais, o que pasa é que cando o ves pensas que se ese é o mercado vello, logo o outro sería o novo? E non cuadran moi ben as imaxes…
Ah, probei unha froita ben rara (vermella e como con púas que en realidade son blandiñas) que se chama “mamonchino”, Deus, qué rica…

De volta en Granada fomos buscar a Yasir á casa de Helen, a mellor amiga de Celina. Foi un pracer coñecer a esoutra familia, teñen unha bebita de 28 días que é para comela, a ver se lle quito foto un día.

Despois quedara con Quelo na casa comunal preto do Hospital Viejo, “Calli-Tanday” (casa comunal en nagual, lingua indíxena). El dá alí clases de frauta a varios rapaces. Tiña moitísimas ganas xa de achegarme ata ese lugar e impresionoume do bonita que é, situada ademais nunha zona moi humilde de Granada.
Coñecín a Jorge, un dos educadores da casa. Aquí hai rapaces becados pola casa que durmen e fan alí actividades diversas, en réxime de internos; tamén acuden ás actividades nenos dos tres barrios ós que atende “Calli-Tanday” pero que despois van durmir ás súas casas. Estivemos falando porque quizais poida facer algo alí. Sería xenial.

Xa fóra, fomos mirar de patrocinadores para o concerto, aí seguimos. Mañá vou ir eu pola mañá a ver se teño sorte, creo que co plano pode ser unha boa oportunidade de entender e coñecer mellor a cidade.


No hay comentarios: