Últimos días Nicas, a despedida.

Dende a última entrada pasamos o último fin de semana nica en Ometepe, a illa dos vocáns.

Cruzamos ata alí en ferry e como apunte anecdótico, unha hora de ida con videoclips de Enrique Iglesias e (atención!) unha hora de volta con outro de José Luis Perales! Imposible durmir.

Fai máis dun mes xa estiven alí con Giuseppe e Carlos, cando a extenuante subida ó Concepción. Pero Beta tiña que coñecelo lugar, así que aproveitamos para visitar o outro extremo da illa, a zona de vento máis salvaxe na praia de Sto. Domingo.
Aproveito para mandar unha mensaxe a tódolas persoas de espíritu viaxeiro (que creo que non o fixen en todo o tempo que levo escribindo aínda que supoño que as miñas fotos eran proba disto) para que se animen a visitar Nicaragua, o que vin é para darlle un bo repaso, do Pacífico ó Atlántico cruzando polo interior, merece moitííííííísimo o esforzo de 15 horas de avión e por riba é moi económica. E se alguén quere indicacións, aquí me tedes para o que poida aportar.

Preto desta praia de Santo Domingo hai unhas pozas de auga volcánica (fría...) coñecidas como "Ojo de Agua", un remanso de paz ó pé dunhas augas clarísimas nas que foi un pracer dobre bañarse, dobre porque estivemos sábado e domingo pola mañá (repetimos de tanto que nos gustou).
A praia de Sto. Domingo é unha zona á beira do lago na que hai varios lugares de hospedaxe para turistas e comedores. Sitúase xusto na estrada (bueno, novamente por chamala de algunha maneira chamámoslle estrada) que cruza a illa comunicando os dous cerros (Concepción e Madera) e polo tanto as poboacións que neles viven. Tremenda a situación da que é a estrada principal, tremenda... Por ela pasan as bicis, furgonetas, busetas, motos, vacas, cabalos... pois iso, tódolos habitantes da illa.

Foron uns últimos días de relax para xa afacerse á idea de que hai que abandonar este país. A verdade é que se me fai todo estrano: o tempo que levo aquí paréceme agora un suspiro, ás veces cóstame crer todo o que vin e vivín cando reviso os centos de fotos e vídeos que fun facendo ó longo destes dous meses. Realmente é un lugar acolledor, cun ritmo de vida tan tranquilo (madialeva, co calor que vai como para andar ás présas...) que invita a quedar por moito máis tempo e coñecelo enteiro. Esa é unha mágoa que levo, non ter coñecido tantos lugares de seguro tan fermosos e non coñecer esta cultura tanto como me gustaría; pero non reina o pesimismo en min senón a alegría de sentirme realizada co que me propuxen e coas expectativas máis que colmadas, dende  aquelas profesionais ata as persoais, quizais as máis importantes, non?
Son moitas as cousas que levo comigo, imposible explicalas intentando concentrarme co sonido do reggaeton de fondo neste cíber da rúa do Comercio.

E triste? Pois para qué negalo, sí que me sinto triste pero tamén iso é bo porque como tamén lle dicía a Celina (se nós sentimos un vacío cando os deixamos por uns días de viaxe, imaxinade ela na casa) se as despedidas doen significa que o que as precedeu foi moi moi bo, para min para sempre inesquecible.

Aiii...
ATA SEMPRE, NICARAGUA!!!

2 de Decembro: praia Majagual, hummmm...

Ás 10 da mañá collemos o transporte para a praia.
Onte esquecín comentar algo importante acerca da fauna que hai nestas praias, os pelícanos. Bogan nas ondas entre voo e voo, algúns máis acrobáticos nos que se lanzan en picado contra o superficie do mar e noutros parecen xogar coas crestas das ondas imitando ós surfeiros. Son un espectáculo en primeira liña de praia.

Este mércores foi sensacional. Un auténtico día de praia, redondo, perfecto, marabilloso nunha bahía de ensoño.
(Estaba intentando poñervos fotos pero saen moi pequeniñas no blogue así que se queredes ver algo podédelas atopar en internet, serán moito mellores)

Majagual é unha praia solitaria a carón de Madera, moito máis concurrida, así que practicamente a disfrutamos para nós sós.
A auga ten a temperatura ideal para estar nela durante horas.



Vivimos o solpor completo do Pacífico dende dentro e dende fóra das augas nicas.
Mañá cara Ometepe.


Do 30 de Novembro ó 1 de Decembro: San Juan del Sur.

Onte decateime de que estabamos a facer un traxecto máis longo do normal cando xa estabamos montando no bus que vai de Granada a Rivas; quero dicir que dende Managua podiamos ter collido xa un bus directo a Rivas e non lembrei que o había e fomos por Granada. Bueno, qué se lle vai facer.

Chegamos a San Juan del Sur nun bus que collimos nun empalme de Rivas, noutro traxecto ateigado de xente, no que nos tocou ir de pé e no que o cobrador que vai pasando polo corredor de asento en asento era bastante (suavizando) gordecho, por riba!
Finalmente baixamos no nosos destino a iso das 5.30. Fomos ata a zona da praia e descubrimos o super turístico que é este pobo. É unha bahía bastante pechada, hai dúas montañas en cada extremo, a da dereita coroada por un Cristo enorme que lembra ó Corcovado de Rio de Janeiro, fondeadas na auga un montón de embarcacións de recreo e ó pé da praia bastantes "ranchitos-chiringuitos". Non nos gustou.

Despois de buscar un hostal moi acolledor rexentado por unha señora moi simpática (Hostal Nina), fomos cear e ata o día seguinte.
Hoxe buscamos transporte noutro hostal (Casa Oro) onde amañan desplazamentos ás praias dos arredores cara o Norte e o Sur de San Juan. Escollimos cara o Norte e fomos á Bahía de Majagual, á praia Madera.
Acompañados por un montón de guiris surfeiros e as súas táboas, collimos rumbo á costa máis salvaxe de por aquí.
Unha vez alí fuximos do campamento base surfeiro e adentrámonos na praia, así descubrimos que era moito máis longa e solitaria camiñando máis alá.
Acampamos baixo un ranchito abandoado que debeu de ser un antigo bar. Probamos a auga e descansamos ata que nos entrou a fame. Para solucionar esto último camiñamos un pouquiño máis ata ver un cámping cunha entrada cara un camiño que conducía a outro ranchito de comida nica.
Comemos moi ben.

Gustounos o lugar e decidimos buscar aloxamento para durmir ó pé da praia polo menos unha noite. Iso será mañá. Reservamos nun hospedaxe alí ó lado. O encargado contounos que a praia de Majagual quedaba virando á esquerda e xa me falaran moi ben dela así que non puidemos agardar máis para vela.
E qué fermosa! E moito mellor para nadar, máis tranquila que a Madera así que non había tanto guiri surfeiro, e con todo os meus respetos para os surfeiros pero é que andamos buscando outro tipo de ambiente, con menos aglomeración de xente e corcho.

Hoxe durmimos en San Juan, mañá no paraíso, ou case.


Do 28 ó 30 de Novembro, finalmente León.

Esquecéusenos comentar de Estelí que como pobo non ten case ningún atractivo, agás o Parque Central e a Catedral pero o resto é un discorrer de rúas con comercios de roupa americana e zapatos en casas dunha soa pranta carentes do pasado colonial de Granada ou León, que foi finalmente o noso destino dende o Sábado.
Recibimos a Sara diante da Catedral de Estelí e houbo cambio de plans e en vez de ir á Estanzuela marchamos directamente para León. Valoramos que era mellor aproveitar os dous días ben alí que non ir ás présas e correndo o domingo a León xa que Sara tiña que estar de volta en Somoto o luns ás 2.

Despois de comer relaxadamente e poñernos os tres ó día, emprendemos a viaxe León nun autobús que tiña os altofalantes tan grandes como as rodas! Un bus deses escolares amarelos americanos dos anos 60 ou 70 (vai ti a saber...)  no que nos puxeron un DVD cos grandes éxitos en vídeoclip do reggaeton e marchamos dúas horas sufrindo os distorsionados graves que facían retumbar a chatarra do chan.
Sara deu por falar co seu acompañante e pedíulle datos sobre León e cando eu me unín á conversa ocorréuseme preguntarlle polos "hervideros de San Jacinto" que coñecera por internet e me parecía interesante visitar; resulta que estaban no camiño a León, uns 20 kms antes, así que cuadrábanos perfecto facer unha parada nesa vila, visitar o lugar e despois continuar cara León. Así o fixemos.

Nada máis entrar no pobo veu recibirnos un neno correndo preguntándonos que se podía ser o noso guía, claro! A él uníronse outros sete cos que acabamos paseando entre as "fumarolas", ata nos ofreceron unha bolsa chea de barro con marabillosas propiedades para a pel e os "piquetes" de zancudos (ai, abríronseme os ollos de desexo...) pero resultaba difícil cargar con aquel fardo de barro fervendo recén recollido dun furado volcánico.
A visita foi breve pero agradable, os nenos de aquí fanse querer dende o primeiro momento.

Voltamos coller o bus. Chegamos a León e buscamos hostal. Xa instalados demos un pequeno paseo ata o restaurante vexetariano que nos suxerira o señor do bus e que nos decepcionou un pouco. O mellor un guitarrista e cantante que nos deleitou cun concerto privado e que o facía realmente ben, mesmo nos cantou a Aute coa súa peculiar voz rasgada.

Ó día seguinte, domingo, marchamos á praia de Las Peñitas nun bus (amarelo deses...) cargado ata os topes de seres humanos apiñados coma sardiñas en lata, os polos que van ó matadeiro case van máis cómodos (con todo o respeto para os pobre poliños que van ó matadeiro). Un non entende cómo son capaces de seguir deixar entrando xente, e veña máis xente... e cando parece que non colle ninguén máis aínda meten a unha rapaza preñada á que lle asoma a barriga pola porta, un saco de sabe Deus qué e un feixe de sillas de plástico! Increíble, e a xente non di nada, bueno, corrixo, houbo un valente que alá polo medio do corredor berrou que xa estaba cheo como media hora antes de saír pero con esa excepción e mais nós que tamén fixemos algún comentario ninguén máis dixo nada.

Pero por fin chegamos á praia, ó Pacífico.
Disfrutamos dun día de praia para o que non teño palabras, na miña vida pasei tanto tempo dentro da auga. Foi realmente unha gozada meterse por fin nese Oceáno.
Outra manada de nenos pasou a metade da tarde xogando con nós.
Chegamos todos un pouquiño queimados á habitación (tranqui, mami, que temos cremiñas e tampouco foi para tanto).

Hoxe luns emprendemos camiño cara San Juan del Sur e as praias dos arredores.
Ata nova crónica!

26 e 27 de novembro: camiño a Estelí.

Iniciamos a nosa breve viaxe por terras nicas.
Ás 8 da mañá collimos buses cos seguintes itinerarios: Granada-Masaya, Masaya-Tipitapa, Tipitapa-Matagalpa e finalmente Matagalpa-Estelí.
A rota vai percorrendo a vía coñecida como Panamericana, que cruza América Central. E dende Tipitapa comezan as montañas a aparecer ó lonxe ata xa a estrada ir incrustada entre elas a partires de Matagalpa.
A idea primeira era facer noite nesta cidade e coñecer unha finca de café de Comercio Xusto que había en San Ramón sen embargo mudamos de parecer nada máis chegar. Entre que chovía e non nos pareceu moi atractivo o lugar, decidimos seguir rumbo ó norte cara Estelí e aproveitar así máis o tempo.
O camiño en bus foi interesante por ver paisaxes novas e pola ambientación que os vendedores e predicadores ambulantes (incluído un cantante...) crean entre cada parada, realmente delirante cando todos suben e comezan a canturrear os seus productos dese xeito tan gracioso co que aquí se anuncian.
Toda esta área é de cafetais e ó longo da estrada pode un ver grandes naves precedidas por grandes esplanadas onde persoas traballan organizando grandes cantidades de café.

Chegamos a Estelí a iso das 4 e buscamos hostal. Sempre asesorados pola guía, fomos dar ó Sacuanjoche. Alí estamos por 100 córdobas cada un.
Estelí é agradable por ser moito máis tranquilo, limpo e ordenado ca Granada, non sei se isto é debido á diferencia que soe haber entre os "nortes" e os "sures". E é moi curiosa a súa organización das rúas, a partires do parque central (común en tódalas cidades nicas) distribúese coma unha cuadrícula perfecta cara os catro puntos cardinais e as rúas non teñen os típicos nomes de rúas senón que se chaman 1ª Noroeste, 2ª Sureste... e así cada unha. Hoxe preguntamos que por qué e a resposta foi que ó ir medrando a cidade quixeron poñerlles nomes pero que a xente nunca os empregaba co que acabaron por chamalas así oficialmente.
Outra cousa moi rica é a temperatura, ai qué descanso, non suamos en todo o día! Esta zona montañosa central é moito máis fresca ca o resto do país.

Esta mañá acudimos a un lugar de información chamado Casa Estelí onde nos comentaron cómo facer para ir a tres lugares interesantes nos arredores. Descartamos a reserva Miraflor porque requeriría saír de aquí polo menos ás 6 da mañá se é que queriamos voltar no día, que era a idea, así que optamos por ir a outro lugar chamado Pueblo Nuevo, dende onde coller un bus ata outro chamado El Bosque no que se supoñía que había un xacemento paleontolóxico de bastante interese.
Ás 9:45 saíu o bus cara Pueblo Nuevo. Chegamos en torno ás 11.30 da mañá e fomos ó concello preguntar polos guías para o xacemento, tal e como poñía a LonelyPlanet. Ó preguntar o que fixeron foi mandarlle ó señor de mantenemento que nos guiara ata a Casa da Cultura onde unha tal Marta era a encargada de organizar esas cousas; pero a tal Marta non estaba entón pasamos ó plan B: na guía dicía que en casa "Doña Selina" daban de comer "comida corriente" (así lle chaman) e mais amañaban tamén o dos guías e alí nos levou.
A nosa primeira sorpresa foi ver cómo era "Doña Selina", o lugar, unha casa particular onde no patio había dúas mesiñas para comer e mais unha cociña de leña ó aire libre onde unha rapaza preparaba as famosas "tortillas". Un lugar moi curioso. Alí comentamos o que queriamos e a filla de Doña Selina nos presentou ós conductores do bus que estaba aparcado diante do restaurante e que alí estaban almorzando, eles facían a ruta pola estrada (camiño de terra, pedras e furados) que ía ata o Bosque. E xa nos dixeron que sí nos levaban, que coméramos tranquilos que agardaban por nós (¿!).
A comida que nos ofreceu Doña Selina estaba boísima: arroz, frijoles, ensalada e guacamole con acompañamento de 2 tortillas e fresco de "avenita" para beber. Todo por 30 córdobas cada un.
Subimos ó bus e a viaxe foi de case unha hora entre campos de tabaco (seica de Estelí é un dos tabacos máis importantes polo menos de CentroAmérica), bosque e as pequenas e tan humildes casiñas familiares feitas nesta rexión de adobe e ladrillo.

A distancia non era moita dende Pueblo Nuevo pero a velocidade do bus non pasaba dos 10 por hora...Chegamos unha hora máis tarde e descendimos dese bólido diante dunha pequena ponte colgante á beira do camiño. Alí dixérannos que tiñamos que preguntar por un señor que vixiaba o lugar. Nada máis cruzar a ponte veu ó noso encontro e levounos ata a parte de arriba do pequeno cerro onde se supoñía que estaban os restos, e digo se "supoñía" porque alí non había NADA, bueno, escusando pola "suposta" pelvis dun "megaterio" (especie de oso perezoso de 6 metros existente hai 32.000 anos), a verdade é que indistinguible do resto do pedregal que había naquel furado.
Seica os restos xa descubertos están en Managua para ser restaurados. E as instalacións eran bastante boas (e todavía sen rematar) para o lugar perdido do mundo onde fomos dar, parece que teñen moitos plans con este xacemento pero todos para despois da nosa visita.
Ás dúas pasaba de novo o bus de volta que xa dende aí nos trouxo directamente a Estelí.

Total, que o máis interesante do día foron os "divertidos" e bonitos traxectos en bus observando os personaxes que por estes pululaban.
Mañá chega dende Somoto Sara, a rapaza de Lugo coa que coincidíramos o domingo nas isletas. A idea é ir ata a reserva natural do Tisey, con rutas a miradores e un salto de auga chamado Estanzuela. Probablemente durmamos alí.

E xa vos seguirei contando.

Do 23 ó 25 de Novembro: Aguas Agrias, Monimbó e taller en Managua.

Esta entrada quizais poida ser a última que faga polo menos con fotos. Mañá xoves iniciamos a nosa breve viaxe por parte de Nicaragua. Finalmente non poderemos cumplir coa nosa idea de chegar ata o Atlántico baixando o Río San Juan, que fai fronteira con Costa Rica e é obxecto de enemistade entre os dous países. Así que o plan é subir polo centro do país cara o Norte pasando por Matagalpa, Estelí, León e baixar pola costa do Pacífico ata case a fronteira para despois probablemente voltar cara a illa Ometepe, na que eu xa estiven pero non coñecín apenas e así tamén pode disfrutala Beta.

Vós mirade de cando en vez a ver se consigo ir contándovos algo de cómo nos vai pero probablemente non voltedes ver tantas fotos como ata agora. Algún día tiña que chegar a despedida.

Gracias a toda a xente que sei que cotilleou as miñas andainas nicas pois dese xeito e sen sabelo me axudaron, apoiaron e acompañaron o tempo que aquí estiven.

Luns:
Coñecín Aguas Agrias.
Fun cos de “Calli-Tanday” por fin coñecer esa comunidade. Xa vos falei dela na entrada anterior. Está situada nun enclave fermosísimo cun río que forma varias pozas de augas máis que cristalinas.
Nesta ocasión estaban cun proxecto de construcción dunhas coelleiras (Beta participou neste) para tentar o reparto de coellos entre as familias para que consuman outro tipo de carne e mais tiñan tamén unha charla de sexualidade para as mulleres e adolescentes da comunidade.
Entre outros proxectos xa postos en marcha están o do comedor escolar, o forno, o de turismo sostible para visitar a zona do río e comezando o de hortos.
Nesta ocasión tamén lles levamos marañóns, árbores de anacardo cos que intentar a súa producción ó parecer moi ben pagado neste momento.
Foi outra visita moi interesante que rematou cun reconfortante e refrescante baño no río.






Martes:
Fomos rematar recados a Masaya e de paso aproveitamos para coñecer o famoso barrio de Monimbó (isto é para Lupe), do que Ernesto Cardenal dixo no seu día “Monimbó es Nicaragua”.
É un barrio de descendencia chorotega, indíxena, e que todavía hoxe conserva algunhas pecualiaridades desa antiga cultura como o Consello de Anciáns, pero sobre todo é coñecido por significar unha loita importantísima contra os lastres da colonización e especialmente contra a Garda Nacional durante a Revolución de comezos dos 90.
O pobo armouse de valor e fabricou armas caseiras coas que se defender dos abusos que sofrían. Morreron moitos civís que deron a súa vida pola liberdade e nas rúas erguéronlles homenaxes.






Mércores:
Hoxe era o taller en Managua para a organización Música en los Barrios.
Ás sete da mañá saímos para esa gran cidade e despois dunha hora en autobús por fin chegamos. A verdade é que non vimos moito pero o que vimos non me gustou nada, supoñíase que estabamos no centro e aquelo non tiña nin pés nin cabeza; parecía un polígono industrial máis ben situado ás aforas que o centro da cidade. E por non falar do tráfico e o caos que parecía reinar por tódalas rúas polas que pasabamos.
Demasiado bulliciosa, desordeada e pouco agradable, con moita sensación de inseguridade. Nada que ver coa histórica Granada.
O taller foi nunha tenda de música chamada BansBach, nunha aula de piano ó fondo do local. Asistiron profesores nicas da organización e unha voluntaria alemana que vai quedar durante un ano traballando alí, bendito ánimo o seu!
Dende as 9.30 ata as 5 fixen os dous talleres de Granada, con descanso no medio, claro.

E con isto xa por fin remato os meus compromisos e traballos aquí. Agora a disfrutar dos días que me quedan.



Do Venres 20 ó Domingo 21 de Novembro, Illa Zapatera.


Venres:
Esta mañá tiven que dar outro taller para os profesores, nesta ocasión de cancións infantís. Foi máis breve que o outro de percusión corporal pero estivo moi ben tamén, preparara algunhas cancións con guitarra e estívenas ensinando a uns cantos profesores que viñeron.
E aprobeitei para despedirme da xente que alí estaba e agradecerlles a súa amabilidade e o ben que me atopei con eles dende que cheguei. E sorpresivamente recibín un regalo de agradecemento tamén para min.

Tivemos que marchar case correndo da reunión porque tiñamos que estar ás 12 do mediodía onde a estación de servicio Palmira a carón do mercado. Alí agardábanos un tal Lexter que nos ía levar en furgoneta ata o lago onde tomaríamos unha panga para ir ata a illa Zapatera.
Agardamos a que se reunira a xente que con nós tamén ía viaxar e fomos coller a furgo.
Montamos na parte de atrás con varias mulleres e nenas que viven nesa illa e viñeran ese mesmo día ata Granada ou que estudian aquí e voltaban de fin de semana para a illa. Ían cargadas con comida e outros enseres.
Chegamos onde se colle a lancha e a nosa sorpresa foi ver que non era cuberta, tratábase dunha lancha sinxela de madeira, duns 10 metros de longa, cun gran espacio no medio para poñer a mercancía e onde nós puxemos as nosas mochilas, despois cubriron todo cun gran plástico negro para que nada se mollase.
A seguinte sorpresa foi averiguar que a viaxe duraba dúas horas!

Nada máis montar as mulleres comezaron a sacar toallas e chaquetas coas que se cubrir, claro, era pleno mediodía e iamos estar navegando dúas horas a pleno sol e Beta e mais eu tan só levábamos as gorras, as gafas de sol e por sorte unha capa de protector solar.
A viaxe comezou entre as isletas e estaba sendo tranquila, mesmo as mulleres sacaron o almorzo e comeron na lancha. O sol era moi forte e eu decidín sentar no chan da lancha á sombra e cando non levaba nin un minuto alí abaixo sentada sentín un bandazo e erguinme de súpeto para comprobar que a calma da auga cambiara e que as ondas non eran pequeniñas; foi ó pasar a zona das isletas cando o oleaxe cambiou, Beta e mais eu estabamos asombrados co cambio de ritmo da lancha (por non dicir que un pouco asustados, ata que nos acostumbramos…) pero tranquilizaba ver que as mulleres e os nenos seguían tan tranquilos nos seus lugares, entre elas viaxaba unha señora que alomenos tiña 80 anos, velliña velliña; e un neno e unha nena xogaban na proa, no extremo da lancha asomados á auga e movéndose alí coma quen xoga en terra firme. Supoño que a costume e a obrigación desa única opción de viaxe a casa para esas xentes fan que un normalice algo que para nós era estrano.

Chegamos á illa.
Zapatera é parque nacional por razóns de aventura e antigüidade, lugar de culto dos indígenas chorotegas onde foron atopadas moitísimas estatuas precolombinas e petroglifos. Alí hai unhas dúas comunidades repartidas pola illa.
Nós atracamos no pequeno malecón de Sonzapote, onde vive a comunidade do mesmo nome e que traballan dende fai tempo apoiadas por diferentes organizacións e persoas en proxectos moi interesantes: a casa de mulleres, onde fan artesanía e co que gañan invirten nun fondo de saúde, alí tamén fan as reunións da comunidade e fomentan a cooperación e organización entre eles por exemplo á hora de traballalas terras e vender o que producen, e tamén levan un proxecto de turismo sostible moi interesante que foi a onde acudimos nós.
Ofertan lugar onde durmir e tres tempos de comida nun lugar impresionante con vistas ó lago, o Mombacho, a costa de Granada e a illa o Armado. Nunha cabana moi sinxela está o dormitorio e hai un “ranchito” grande onde colocan un par de hamacas para descansar.
Tamén teñen a opción de facer tres rutas pola illa, a subida ós dous cerros e a dos petroglifos. Nós fixemos a subida ó cerro máis pequeno, o Bandera, e mais a dos petroglifos, guiados por un veciño da comunidade, Felícito (ou Licho).

Á marxe de toda a beleza do lugar (árbores, aves…), está a historia humana de Zapatera: hoxe son unhas 17 familias as que viven na illa, unhas 7 en Sonzapote e foron moitas máis as que chegaron alí, cando? Pois fuxindo da sanguinaria “contra” despois da guerra e revolución. Francisca, a muller que nos preparou a cea do venres, contounos que tiveron que marchar por medo, dous dos seus irmáns foron asasinados. E coma ela, tódolos demais.
A maioría das familias non se acostumaron a vivir en Zapatera, polo aillamento, polas dificultades que entrañaba traballar alí (é zona volcánica e o chan polo tanto moi pedregoso) pero as que quedaron lograron saír adiante e son un exemplo de esforzo inmenso. Se coñecérades o “camiño” que teñen que percorrer para vir ó hospital, ó mercado ou a estudiar… ah, e teñen escoliña en Zapatera e por certo ben bonita, moi ben coidada, o profesor ten que quedar alí nun cuartiño anexo á aula para voltar os sábados a estudiar a Granada.
Foi unha visita marabillosa.

















Do Martes 17 ó Xoves 19 de novembro.


Martes:
Derradeiro día na escola “Juan Diego”, no Tepeyac. Por sela última semana de clases xa había moitos menos nenos polo que xuntamos nunha soa aula ós de preescolar, primeiro e segundo grao; despois estiven con 3º e finalmente cunha selección de 4º e 5º que quedaron ata o final pero por obrigación porque a grande maioría xa fuxiran da escola antes de tela clase comigo. Digamos que aquí todo é un pouco máis anárquico.
Coma sempre, as clases foron moi ben pero tiven que despedirme e a pesares do pouquiño tempo que estiven alí houbo algún “chavalo” dos que me deu moita mágoa facelo; foi o caso de Marta e Jordin, de 1º grao, David de 2º e Franklin, Yelsin e Jason de 4º, entre outros. Déronme uns abrazos espontáneos tan sinceros e cariñosos… non teño palabras.

A profesora Dona Chilo foi quen pechou as últimas portas e comentounos se queriamos ir con ela coñecer onde vivía. Ante esa invitación tan especial non podiamos dicir que non. Agarramos as bicicletas e fomos polo camiño que vai máis alá da escola, atravesando un sendeiro de pedras enormes que conformaban o piso desa estrada, un camiño entre bananos e outras árbores fermosas e enormes, un camiño verde verde verde con casiñas de madeira.
A casiña de Dona Chilo é moi nova, construída en bloque e moi pequena. Ten un patio tamén rodeado por bananos que lle dan sombra á terra e a un alpendre de madeira onde ten a cociña de leña e os “trastes”. Polo patio había moitas aves e entre elas destacaban as “pitas de guinea”, negras e moteadas de branco e retratadas na cerámica de San Juan de Oriente. Invitounos a un refrixerio de refresco e galletas e ía tamén ofrecernos de comer pero quedáramos con Celina e non puidemos aceptar. Unha señora encantadora a Doña Chilo, humilde profesora da Juan Diego. ¿Comentei xa que o salario dun profesor aquí son unhas 2000 córdobas ó mes?
Marchamos de contado para comezar o descenso dende o Tepeyac a Granada.



Aiii, e nesta parte comezou a odisea da semana… A bici que tan amablemente nos amañaran saíu rá! Dende que Beta a agarrou camiño de volta da casa da profesora comezou a saírselle a cadea cada dous por tres e por riba o pedal esquerdo estaba frouxo, e tan frouxo que ó pouco de chegar á estrada principal perdeuno sen remedio… Iso unido ó caso da cadea fixo que a viaxe de volta que desexábamos fose un paseo fotográfico de despedida do Tepeyac (especialmente para min) se convertira nun paseo horrible de volta do Tepeyac, baixo o sol do mediodía, por riba! O que soe levar unha media hora levounos ben máis dunha hora, o peor foi para Beta que tiña que empurrarse cos pés para avanzar.
E claro, lembrámonos da “bicoca” de cuadro que nos conseguira e vendera o tipo co que vivimos.

A marchas forzadas chegamos a Granada, cansos e esfameados, pero antes de ir comer fomos deixar a bici no taller de sempre. Ata o día seguinte tiña que quedar alí a “burra”.
Ademais había como unha plaga de mosquitos pequeniños xusto nesa zona, a beira do lago, víanse por miles voando arredor dun e facendo nubes de bichos que tentabas evitar que se che meteran por boca, nariz e ollos.
Á tarde eu tiña que ir despedirme a “Calli-Tanday”, levei uns pasteliños para todos. Din unha clase máis curta do normal e despois nos reunimos no porche e falamos un rato. Estaba Ana Mª, esa muller de Lugo que leva tantos anos loitando coa xente de aquí, e entre ela e algún dos rapaces que viven alí na casa comunal estiveron contándonos cousas do pasado das xentes que agora viven en Aguas Agrias (as familias de algúns dos meus alumnos, Luis, Marbelís e Érika, Luciano ou Yamilé).
Os seus pais viviron a revolución e a loita de fins dos 80 a comezos dos 90 na zona montañosa de Matagalpa, ó norte de Nicaragua, zona de cafetais. Unha loita contra o dictador Somoza, apoiado polo goberno Reagan. Cando a guerra rematou estas persoas seguiron sendo perseguidas polos da “contra”, guerrilleiros do bando perdedor que axusticiaban ós homes na montaña e violaban ás nenas e mulleres despois de roubalas das súas casas.
A situación era tan dura e peligrosa que centos de familias tiveron que escapar das súas aldeas e iniciaron unha loita de ocupación mediante o traballo das terras na zona de Aguas Agrias para posteriormente asentarse alí. Estes labregos e labregas mantivéronse unidos e aínda hoxe forman unha das comunidades mellor organizadas, exemplo de traballo cooperativo en grande parte producto da loita conxunta que arrastran dende fai tantos anos.
Esta historia revivirédela máis adiante na Illa Zapatera. Aquí vos deixo unha foto dos meus alumnos e alumnas e de parte da xente que traballa na casa comunal.


Mércores e Xoves:
Beta foi a Malacatoya e Tepalón.
Eu quedei encargada de ir mirar da bicicleta. Pedinlle a Celina que me acompañara e as dúas asistimos á confirmación do desastre do famoso e tan fantástico cadro da bicicleta: estaba soldado!
Toma! O cadro vello precisamente partira por estar soldado e acabábannos de vender outro igual e por riba co mesmo problema, menudo cara o tipo!
Ademais houbo que pagar as pezas novas do pedal e discos dianteiros co que finalmente fixemos (entre cuadro, o agradecemento ó tipo e isto último) un desembolso de 420 córdobas!!! Con eses cartos case podiamos mercar dúas bicis “enteiras” de segunda man…
O cabreo co que regresei á casa era monumental e foi medrando a medida que comprobaba como o problema da cadea realmente non estaba solucionado, un problema de axustes na montaxe do cadro.

Esa tarde non puiden ir a “Salomón de la Selva” pois Beta levara a outra bicicleta ata a casa comunal. E esa outra bicicleta tampouco estaba nada ben dos pedais co cal tiña tal pánico a que se me rompera polo camiño de furados, pedras e charcos que hai que facer dirección a “Salomón” que preferín non voltar tampouco o xoves e aproveitar para devolvelas bicis o máis enteiras posibles á escola onde nolas deixaran.
A verdade é que o xoves pola mañá amanecín bastante disgustada por todo, polo da bicicleta e a impotencia de non poder solucionar case nada pero sobre todo por non irme despedir a “Salomón” dos profesores e dos nenos, especialmente dos de preescolar e 1º grao cos que tivera máis relación.
Chamei a Giuseppe, conteille a historia e pedinlle que se despedira por min.

Esa mañá do xoves propúxenlle a Beta ir visitar os pobos artesáns de Catarina e San Juan de Oriente. Despois de comer fomos devolvelas bicis e o profesor Mario agradeceunos moito os amaños que lles fixéramos.
Quedábanos un importante encargo por resolver. Non sei se lembrades que no meu primeiro fin de semana aquí en Granada Quelo me levara en bici coñecer un centro de menores que hai ó final do camiño do lago, “Los Quinchos, Casa Lago”, onde os rapaces facían artesanía de hamacas e pulseiras. Eles nos pediran un balón de fútbol sala para xogar alí e eu fixéralle o encargo a Beta de traelo dende España pois aquí son moi difíciles de conseguir e bastante caros.
Como xa non tiñamos bicis tivemos que agarrar un taxi, acordar un prezo con el por levarnos ata alí, esperar uns minutos a entregar o balón e volvernos traer ata o centro. Tamén foi unha xogada a do taxista, primeiro díxonos 50 córdobas por todo e estando xa no coche volteille preguntar que en canto quedáramos e vai e me di que 80 córdobas! Deixémolo aí.

Chegamos á entrada do centro e alí estaban algúns dos rapaces que eu coñecera, entre eles Sergio, un que eu lembraba especialmente. Rapidamente baixamos do coche, recibíronnos con abrazos e de seguido adiviñaron por qué estabamos alí; tiñades que ver as súas caras e as reaccións, voltaron a abrazarnos de tal xeito que todos os malos rollos dos dous últimos días desapareceron de golpe.
Foi unha mágoa que todo fose tan rápido porque nin puiden saudar ó profesor Ricardo, que estaba por alí e co que tivéramos tamén unha bonita “platicada” naquela visita e mesmo nin me decatei de sacarnos unha foto cos rapaces. Cando o taxi xa arrancara vimos sáir ó profesor e pedinlle a Beta que sacar unha foto de todos dicíndonos adeus, non saíu moi ben por ir dentro do coche e en movemento pero alomenos teño algo para recordar.


Sábado 14, Domingo 15 nas Isletas e Luns 16.


Sábado:
Fomos con Celina e Yasir a Masaya, ó mercado. Vai achegándose o final desta viaxe e quero levar algún que outro recordo de aquí e este é o lugar por excelencia para mercar artesanía nica, colares, traxes, chinelas, hamacas…
Teremos que voltar porque quedounos de novo por ver o barrio de Monimbó e creo que é imprescindible segundo a Lonely Planet e tamén segundo Ernesto Cardenal.

Gústame moitísimo ir a Masaya, non me importa repetir unha e outra vez. Os mercados teñen algo especial dende logo e o de Masaya situado ó pé dese gran parking de autobuses que van a calquer lugar, coa xente subindo para venderche o que sexa mentras estás agardando a que arranque, dende a tortilla ou os frescos típicos ata pastillas desparasitadoras e de vez en cando ata sube algún predicador.



Domingo:
Fantástico día. Veu Sara ata Granada; ela é unha rapaza que traballa en Lugo e colabora cun organismo que se chama INPRUH (ou INPRHU, non estou segura) . Durante un mes estará en Somoto, unha vila ó norte do país, máis recóndito e máis frío ca Granada.
Tiñamos planeado visitar as isletas do lago arredor de Granada, algo que aínda non fixeramos e que é visita indispensable pola súa proximidade e beleza, sobre todo.
A idea partíu de Ivania e Pedro, os amigos de Celina, e pareceunos perfecto para un día de domingo. Eles encargábanse de atopar unha panga que nos fixera bo prezo para o traslado ata as illas.
Coincidíu todo perfecto pois Sara chegou dende Somoto xusto a tempo para vir canda nós. Só nos faltou Yasir, que estaba un pouco maliño da gripe.

O paseo é ben fermoso entre os mantos de prantas que crecen na auga, illas de vexetación selvática e aves. Hai unha illa ben pequena coñecida como a Illa dos Monos, evidente por qué, tan só hai monos nela, os “araña” e os “cara branca”; cando a panga se achegou foron saíndo de un en un esperando recibir seguro algún tipo de regalo en forma de banano (con nós non fixeron negocio…) e quedounos a todos a dúbida de qué demo vivían estando alí porque asegúrovos que era unha illa ben pequeniña comparada coas que había arredor.


Hai unhas 300 isletas espalladas polo lago e a mágoa é que un bo número delas son privadas, posesións propiedade das familias máis poderosas de Granada e Nicaragua en xeral, os Chamorro ou os Pellas (lido “pelas” así que vénlles como anel ó dedo o apelido… en fin), por exemplo. E vimos o cartel doutra illa (ben pequena por certo) que se vendía por uns 100.000 dólares, non quero imaxinar o que algunha das outras con gran casa, muros, xardíns…etc podería chegar a costar.
Nós paramos nunha coñecida como “Corre Viento”. Aí hai un pequeno restaurante con mesiñas baixo “ranchitos” (construccións con estructura de madeira e tellado de follas de coco). Nesta illa Celina tiña á súa comadre vivindo nunha das humildes casiñas que a habitan e nós situámonos nesa parte. Coñecimos ós nenos da familia, Jerry e Alfonso (o afillado de Celina), un par de encantadores “chigüines” que nos levaron de paseo pola illa e cos que Beta fixo moi boas migas.

Trala ruta botamos un baño moi divertido co que abrimos o apetito. Celina traía a comida preparada e puxémonos as botas co polo que ela cociñou e mais cos peixes cos que a súa comadre nos obsequiou, riquííííísimos. Precioso regalo.
Ó final un montón de pequenos se xuntaron onde estabamos nós e xogaron ó baseball con Pedro e Beta no pequeno espacio que compartíamos mentras degustabamos uns riquísimos cocos que un señor veu prepararnos machete en ristre: bebimos a auga e comémola sabrosísima carne que iamos tamén preparando para os xogadores servíndolles pequeniñas racións de vez en cando.





Foi unha das excursións máis bonitas (senón a máis) das que levo feito dende que cheguei aquí.
A despedida foi triste sobre todo para Alfonso, un dos cativos, quedou amolado na beira da illa mentras a panga se alonxaba, especialmente pola marcha de Beta co que conectara un montón.


Luns:
Beta marchou con “Calli-Tanday” a Aguas Agrias para coñecer esa zona moi especial por moitas razóns. Alí andan nun proxecto de hortos e el estaba especialmente interesado. Máis adiante contarei por qué é especial esa zona e a súa xente.
Eu tiña a mañá libre e quedei con Sara (que pasou a noite en casa de Celina) para ensinarlle o mercado de Granada, seica en Somoto non hai nada parecido e a froita, por exemplo, escasea e sae moito máis cara que aquí. Todo lle gustou agás o calor, alá no norte é máis fresco e dicía que non sabía cómo eu fora capaz de aguantar aquí todo este tempo, a verdade é que nin eu mesma o sei…
Á unha marchou cara Managua.

Ás catro e media fun cara “Calli-Tanday” dar a miña penúltima clase ós rapaces. Anuncieilles que ó día seguinte sería a despedida, sniff.
Beta chegou de Aguas Agrias, deixaran alí dous semilleiros prantados e a finca do futuro horto toda limpiña; para rematar a xornada deuse un baño na poza que lle dá nome á zona e que está situada no medio do río de augas limpas e clarísimas.
Ah, para rematar ese día, esa noite Beta matou un alacrán no baño da nosa habitación.











Resumo do 9 ó 15 de novembro.

Síntoo, non son capaz de levar a regularidade de antes. Para a semana que vén teredes o resumo seguinte.
Apertas!

Luns:
Despois do concerto tivemos día de descanso e qué mellor ocasión para ensinarlle ó meu querido Beta o máis destacado de Granada.
Nada máis erguernos fomos camiñando pola rúa principal, a Atravesada ou do Comercio, moi preto da nosa casa actual, cara a Casa dos Tres Mundos onde ía estar Oscar recollendo os últimos detalles do concerto. Botámoslle unha man e seguimos a ruta.
O parque central e o mercado, que xa vos dixen mil veces que me encanta, así que cómo non tiña que facer de anfitriona nese lugar. Eu ía extasiada coma sempre ollando para a xente, os postos, o bule-bule xeral e Beta extasiado pola calor… así que paramos mercar unhas gafas de sol e mais unha pucha no posto de Ivania e Pedro. Continuamos e adentrámonos paseniñamente polas encrucilladas da froita, verduras, legumes, cereais, carnes, queixos… De súpeto Beta me rogou que por favor marcháramos de alí que lle ía mal! Ai, qué crueldade a miña para un primeiro día nica meter en pleno mediodía en semellante lugar a ese bendito neófito, non o pensei moito pero é que me gusta tanto ese lugar que estaba desexando que él tamén disfrutara del canto antes. Pero non sei se lle chegará a gustar tanto como a min, xa veremos, ó mellor xa o estropeei.

Fomos comer onde Celina e recibíunos a avoa. Alí recollemos a bici nova e marchamos de excursión cara o lago Cocibolca. Na ruta paramos no taller ó que me gusta levar a compoñer as bicicletas para facerlle un par de apaños de última hora á bici “nova” e xa preparados emprendimos de novo a excursión. Pasámolo malecón e entramos cara o paseo fluvial e centro turístico. Nun dos chiringuitos da praia tomamos algo vendo cómo ameazaba choiva e mais unha fermosa garza branca pousar nun embarcadeiro de madeira. E comezou a chover, mellor dito diluviar, claro. Intentamos librarnos do peor correndo coma almas que leva o diaño cara o taller onde quedaramos para devolver 10 córdobas (non tiñan cambio para nos dar, qué raro neste país…) e chegamos completamente mollados e manchados polo lodo que nos autosalpicábamos. Alí resguardámonos un ratiño e en vista de que non tiña trazas de parar (penso que era unha choiva torrencial debida en parte ó furacán Ida que acababa de pasar pola costa Atlántica de Nicaragua) tivemos que saír sen remedio.

E sen máis remedio Beta rompeu a chancla nada máis tocala auga coa forza que esta traía! Tivemos que subir cara o centro por unha “rúa” (por chamala de algunha maneira) que era puro lodo e corrente de auga!
Podédesvos imaxinar cómo chegamos á casa, aiii, qué peniña dabamos…
Non estivo nada mal para o primeiro día de inmersión nica (jajaja!) do meu querido Beta.


Martes:
Tamén lle metín caña levándoo á escola “Juan Diego”, onde a profesora de 5º grao lle deixou toda a clase para él, tódolos nenos de golpe para explicarlles divisións e multiplicacións por dúas cifras. Creo que houbo algún momento no que o pasou un pouquiño mal. E normal, na súa vida deu clase e por riba con estes túzaros “chavalos” coma primeira experiencia, toma!
Para min foi a miña primeira experiencia en solitario (Quelo xa se despedira) e non me foi nada mal. Mais remato agotada desa tremenda fazaña de dar 50 minutos de clase a 5 graos de primaria, entre o calor e o percorrido que hai que facer para chegar ata alí… Pero así todo é moi gratificante.
De volta en Granada tocoume “Calli-Tanday” pola tarde, eran máis que habitualmente, uns 7 cos que estiven ensinando a interpretar unhas partituras de percusión corporal. A clase foi moi boa.
Contra as 7 da tarde Beta xa non podía máis, a falta de costume.


Mércores:
Tocáballe a Beta ir coa xente de “Calli-Tanday” a Malacatoya e Tepalón (como fixera eu unha vez). A min tocábame ó mediodía arrancar cara “Salomón de la Selva”. Fun buscar a Giuseppe e para alá fomos. Como o luns chovera tanto os famosos charcos que hai no percorrido cara a escoliña eran case piscinas e intentei ir preparada xa que a semana pasada non sei se lembrades metera o pé dereito enteiro coa bota en “puritito” lodo. Entón pensei en levar as miñas chanclas plásticas do mercado (típico modelo nica) para poñelas para atravesar o charco máis grande. E ó chegar á escola lavar os pés na mangueira que hai enchendo o pilón onde van beber os nenos.

Nada máis chegar ó charco mudei de calzado e propúxenme seriamente cruzar polo medio, algo que sempre fan Giuseppe, Ryan e o profesor José con éxito, mollándose un pouco pero con éxito. O meu amigo Giuseppe cruzou primeiro e fixei a traxectoria por el feita para repetila. Encallei nas pedras! Para non perder o equilibrio non me quedou máis remedio que pousar o pé dereito no medio e medio da auga, puaj! A bici seguíu cara diante pola inercia e o pé saíu da auga sen chancla! E tiven que acabar de determe e cun pé desnudo voltar para atrás a tentar de recuperar a “chinela”, cómo? Pois metendo a man na zona onde cría que podia estar, puaj! Aiii, qué noxo me deu… o pobre Giuseppe veu socorrerme e tamén el entrou na auga comigo e cun pao afanouse por salvarme a “chinela” con consecuencias para el, non daba sacado o seu pé do lodo onde se meteu. En fin, que tiven que convencelo para que parara que total non pagaba a pena ese sufrimento por un par de chinelas que costaban 30 córdobas (1 euro).
E ríndonos, por non chorar, fun cara a escola pedaleando cos pantalóns doblados por riba das rodillas, cunha chinela cutre-plástica verde no pé esquerdo, o dereito desnudiño e ámbolos dous manchados de “merda” ata as canelas.
“Maloserá que ó chegar á escola non nos poidamos limpar coa auguiña da mangueira do pilón!” Xa! Aí non rematou a historia, xusto ese día, tiña que ser xusto ese día, rompera a tubería e a escola estaba sen auga! E isto é para a miña nai: as toalliñas húmidas antibacterianas que me mercache para traer salváronnos a vida, levaban no fondo da miña mochila exactamente un mes e sen usar e qué mellor ocasión. Tivemos que meter os pés no pilón pequeno (como dixo Giuseppe, o peor que podía pasar é que aí tivera bebido algunha vaca) e rematamos de limparnos coas benditas toalliñas húmidas. Os nenos que andaban por alí partíanse de risa coa historia da chinela e dicíanme que non me preocupara que seguro flotaba e a collía.

Como inesperada compensación, unha nai que vive preto de alí apareceunos cun delicioso pratiño de yuca ben cocidiña con ensalada de repolo aliñada con laranxa agria (moi rico ese aliño), un para cada voluntario e profesor, qué riquiña!

Como non había auga as clases remataron antes.
Á volta para casa fun descalza todo o tempo. Menuda fregoteada me peguei na ducha.
Beta chegou tamén con historias das comunidades. Gustoulle.


Xoves:
Tocábame voltar para a mesma escola e fíxeno con novas chinelas cutre-plásticas vermellas. Beta viña esta vez comigo. Chegamos ó famoso charco e a que non adiviñades qué pasaba esta vez? Unhas dez vacas andaban bebendo (e mais facendo outras cousas) arredor e no medio e medio! E houbo que pasar, claro. Esta vez fixen a traxectoria que fan os de aquí, pola beira da dereita e logo en diagonal polo centro; pois xa me vedes espantando unha vaca que me coincidía xusto diante da miña traxectoria! Algúns veredes o vídeo que o gracioso de Beta me gravou, para o recordo…
Pero crucei, mollándome pero crucei. Esta vez sí había auga na escola e o aseo foi moito máis completo.
Cando chegamos estaban os maiores estaban recibindo unha charla sobre os dereitos dos nenos e adolescentes.

No receso todos xogaron ó baseball e Beta iniciouse no deporte de maior éxito en Nicaragua, penso eu. Nas rúas e case en calquer lugar sempre ves a alguén xogando a batear.
Durante este receso houbo unha reunión de nais e pais cos profesores para falar dos usos que se lle ían dar na comunidade ó forno que hai no patio da escola e onde varias nais van cocer pan. Así que o partido durou moitísimo máis do normal.


Venres:
Día do meu primeiro obradoiro.
Ás 8 da mañá comezaron a aparecer os primeiros alumnos e alumnas. E eu comezaba a poñerme un pouco nerviosa pola responsabilidade: un obradoiro dunhas 4 horas sobre percusión corporal a alumnos profesores nicas e estranxeiros, en xeral profesionais da música.
Foi bastante ben, entretidos e moi agradecidos por todo o que lles transmitín, a maioría das cousas aprendidas por min noutros obradoiros onde fun eu moi ben ensinada. Rematei co xogo dos vasos e se os vírades alongando a duración do taller case unha hora máis, todos coma posuídos polo ritmo golpeando cadanseu vaso contra a mesa e sen poder parar, qué gratificante para min! A xente marchou mostrándome moito agradecemento.




O malo foi a nova que me deu Beta nada máis saír do obradoiro, a bici que eu empreguei todo este tempo partira pola metade. Era visto que podía ocorrer pois xa ma prestaran soldada, un erro por parte da persoa que anteriormente a tivo pois foi unha solución temporal a que tomou e outro erro pola miña parte collela sabendo que estaba soldada; o caso é que de súpeto tivemos que solucionar nós o problema doutro. E menos mal que non rompeu baixando dende o Tepeyac, costa para abaixo, porque podía ter ocorrido algo peor.
Cando na escoliña me deixaron a bici foi coa condición de amañala e por suposto devolvela ben así que tiña enriba a responsabilidade (non sei se xusta ou non) de solucionar a papeleta.
O caso foi que ó chegar á casa onde agora estamos a parella que tamén están aquí de inquilinos en seguida nos quixeron axudar a atopar outro cadro para a bicicleta, de segunda man, claro, que aquí pódese conseguir por 150 córdobas perfectamente. E nós dixémoslles que a ver qué facíamos, que se o atopaban pois que vale pero que non se tomaran molestias que non lles correspondían…blablabla, o caso é que nese momento comezou un capítulo que nos está dando dende onte (martes 17) bastantes bastantes dores de cabeza.

Esa tarde quedaramos coa Luísa para ir á súa casa rozarlle no patio de diante. Levaba dous meses vivindo coa Celina e o monte chegáballe á parte de diante da casa, dicía ela. Marchou o mércores para alá e fíxoo poñéndose moi triste; como Celina pillara a gripe e estaba un pouco mala, a Luísa cando se despedíu de min acabou cos ollos cheos de bágoas e pedíndome que lle botara un ollo á súa filla, “le pido que me mire por mi flaca”, susurrou.
É tan linda a Luísa que non puiden evitar dicirlle que lle iriamos facer unha visita á súa casiña, a ela e máis á Carla, e que lle botaríamos unha man. E así foi. Aí quen máis deu o callo foi o Beta, con machete e pá.
Coñecimos a súa pequena comunidade, un asentamento ó pé da estrada que vai cara Masaya onde a maioría son descendentes dela.
Regalounos un “noni”, unha froita ben rara que seica ten diferentes propiedades terapéuticas.
Dous dos detalles máis divertidos foron a tela coa que tiña tapadiños ós seus fillos verdes e con plumas, os “chocoyitos”, na súa gaiola, tiña exactamente as cores da bandeira de España e dixo que lla deran en Costa Rica; e o outro era a outra tela que facía de felpudo na casa, unha camiseta de propaganda para a campaña política dun congresista americano, Bob Duckworth.

Foi moi agradable a visita. Para marchar acompañáronnos ata a parada do bus a avoa, a Carla e outros dous dos moitos netos que ten a Luísa, Carlos e Diana.




Cando chegamos de volta na casa xa nos conseguiran o cadro da bici, pedíronnos por él 200 córdobas e aceptamos pois nos dixo o inquilino que estaba moi ben e que blablabla… Púxose a montalo ipso facto. A verdade é que practicamente non houbo posibilidade de réplica e no momento alegrámonos moitísimo de xa ter solución para un problema que persoalmente me preocupou bastante cando xurdíu. A día de hoxe nunca me arrepentirei máis de ter aceptado o trato. Xa vos contarei, se teño humor.

Máis tarde estaba prevista unha festa sorpresa de despedida para Quelo por parte de tódolos voluntarios de Ritmo en los Barrios. Era unha marcha moi especial despois dun ano aquí colaborando, un traballo e axuda moi importante durante este curso así que había que agradecerlle a súa inmensa adicación e interese. Pero foi unha sorpresa ó estilo nica, é dicir, o sorprendido apareceu antes ca maioría dos invitados, tan só o recibimos Sarah, Lenya e mais eu…bueno, e a Colibrí (nome artístico dunha rapaza que é cantante) que foi quen o trouxo case á forza ata a escola onde era a festa.
Oscar dixérame que era unha festa de “trajes” e eu debido ó aviso de última hora asusteime pensando que era de disfraces e claro, non tiña nada preparado para min e Beta para as 7 da tarde pero xa Oscar me aclarou que unha festa de “trajes” significaba que cada un levaba algo de comer: “yo traje esto”, “él trajo lo otro”… Menos mal.

Tamén veu Giuseppe, co que quedáramos para cear, e moita máis xente. Ó final entregóuselle un certificado ou diploma da súa participación de un ano no proxecto de Ritmo en los Barrios. Foi bonito.



Gran Día de mercado, cumpreanos e CONCERTO de RELB (7 e 8 de novembro)

Antes de comezar a redacción de hoxe debo pedir desculpas pola tardanza destes días á que non teño acostumbrado dende que cheguei. Este fin de semana foi moi especial por moitas cousas e non achei tempo para escribir, non tiven un momento. Síntoo. Espero poñervos ó día con esta entrada que imaxinaredes longa.
Para resumir: sábado pola mañá intenso de compras inxentes no mercado, sábado tarde celebración do meu cumpreanos e domingo de gran e exitoso concerto de Ritmo en los Barrios!
Comezamos.

Este sábado foi día de compras “bárbaras” no mercado. Para o día do concerto houbo que preparar o almorzo e varios refrixerios para os nenos, acompañantes e voluntarios que van participar en toda a organización e en total vimos sendo unhas 200 persoas. A responsable de facer a comida é a muller de Don Desiderio, unha señorona valentísima que se ofreceu para facer tamaña tarefa. Deixou encargada unha lista que pasou por cantidades como as seguintes: 200 bananos, 60 piñas, 150 laranxas, 5 ducias de cenouras, outras tantas de “chiltoma” (pemento), 10 kilos ou máis de azúcar, non sei cantas libras de polo e mortadela… en fin, era un encargo inxente de comida que entre Oscar (un nica que traballa para a Building New Hope e levaba a camioneta), Sara (voluntaria de Ritmo en los Barrios), a mamá de Sara (que veu dende Washington para ver o concerto), Paco (un salvadoreño mozo de Sara) e mais eu levamos a cabo. A min tocoume con Paco e Oscar ir ó mercado e tivemos que facer varias viaxes para conseguir todo o que queriamos; Sara quedou no Palí (o supermercado) e a nai coidando da furgo.

O peor foi que choveu intermitentemente durante a mañá e iso dificultou toda esta aventura. Mais finalmente conseguimos todo, xunto coa leña e as “pailas” (olas xigantes) para facer o fresco, o arroz á valenciana, e os sandwiches que se degustarían durante os ensaios da mañá do domingo e tarde.

Achegámosllo todo a Dona Coco e rápido comezou a súa heroicidade e seica non durmiron en case toda a noite para rematar o traballo.






Pola tarde fun mercar un “queque” para obsequiar á miña familia por prepararme unha cea especial de cumpreanos. Idea de Celina, por suposto.
Ata comemos na mesa do comedor que teñen na outra parte da casa, estivo moi ben. A familia ó completo polo meu cumpreanos ceando canelóns con polo, cea especial para ocasións especiais según Enrique. Finalmente o pastelón ese que é tan típico aquí presentar nos cumpreanos, non por ser comida tradicional senón simplemente por moda , bastante empalagoso por outro lado.






E o domingo, o CONCERTO de RELB.
Ás 9 da mañá xa fun para a Casa dos Tres Mundos, comezaban a chegar rapaces e rapazas das escolas cos profesores acompañantes e voluntarios.
Mentras os técnicos de son ultimaban algunhas cousas para comezar o ensaio, os nenos agardaban nervisos nas cadeiras do salón de actos ou entraban e saían a xogar ós patios da Casa. A media mañá déuselles o primeiro refrixerio, banano e galletas.
Comezou o ensaio e proba de son dos instrumentos cos rapaces situados no esceario. A proba de voces agardaría ata a chegada de Carlos Mejía.
Todo ía ben, dentro do horario previsto.




Chegou o almorzo obra de dona Coco; houbo que ir buscar nunha furgoneta unhas 200 racións de arroz e dúas tinas de fresco que degustamos sentados no chan e rodeados de rapaces que en canto puideron foron repetir un prato máis.
Xa comidos, todos foron poñer o uniforme e as bailarinas os seus traxes típicos e preparar peiteados con adornos de frores.
E a iso da unha chegou Carlos Mejía. Puntual. Os nenos recoñecérono en canto entrou pola porta vestido de negro e algúns correron saudalo.




Para as 2.30 estaba previsto facer o ensaio de Carlos Mejía e os Palacagüina xunto cos nenos, probando micrófonos e sonorizando as voces. Rematada esta parte os músicos de RELB foron poñer as súas “cotonas”, uniforme elexido para a ocasión.
Xa case todo estaba listo e a xente comezou a chegar a iso das 4. E chegaron moitos…polo que houbo un pequeno momento de confusión durante o cobro das entradas que conseguimos solventar rapidiño. A iso das 4.20 xa non podía entrar ninguén máis, estaba o salón de actos a reventar. Os nenos colocados nos seus lugares dispostísimos a cantar e cos nervios fervéndolles no sangue.
O espectáculo comezou cunhas actuacións de baile típico por parte de Visión Mundial, unha media hora de variadas danzas ataviados con diferentes traxes tradicionais. Pero o concerto propiamente dito de RELB comezou coa apertura por parte dun pequeno grupo de alumnos da escola Mercedes Mondragón tocando o himno nacional con frautas doces. De aí en diante todos os grupos foron saíndo ó esceario a interpretar os temas que lles correspondían na súa maioría versións de Carlos Mejía; tódalas actuacións remataron con éxito e montóns de aplausos.



E a esperada actuación de Carlos Mejía chegou e non defraudou. A xente entregouse coreando cada unha das pezas que interpretou, practicamente todo o mundo as coñece por ser auténticos himnos desta terra: “Nicaragua Nicaragüita”, “Pobre la María” e “Quincho Barrilete”, adicada esta última ós nenos de Nicaragua e inspirada nun neno de barrio que vendía “barriletes”, ós que nós coñecemos como as cometas.
Os nenos quedaban fitando para Carlos Mejía mentras cantaba, sobre todo durante o ensaio que resultou maior novidade. Foi para todos moi emocionante. O obxectivo cumplido. O soño cumplido.




A radio da Casa dos Tres Mundos (Radio Volcán) retransmitíu en directo o concerto e mesmo se fixo unha conexión con internet; e a televisión no Canal 48 emitíuno este luns.
Rematamos contentos, felices e moi cansos por todo o esforzo do día e os que levaban meses preparando isto cunha sensación de recompensa por tódalas preocupacións e dores de cabeza que puido producir levar a cabo todo este gran evento. Participou dun ou outro xeito moitísima xente e foi gracias a esa xente que se puido levar a cabo. Todo polos nenos e as nenas das escolas, para que poidan ser un pouquiño máis felices a través da música.