Para Bea, ela sabe por qué (5 novembro)

Esta mañá tocoume ir ó banco con Oscar para ingresar unha recaudación moi importante para o proxecto de Ritmo en los Barrios. Algúns xa imaxinaredes a cal me refiro. GRACIAS!

Ás nove e media estabamos diante do banco. Eu non estou estes días en perfecto estado de saúde, é simplemente un resfriado; agora xa estou mellor. Todo veu a raíz de durmir o luns pola noite co ventilador posto e en realidade non facía calor e cando me decatei estaba na cama moqueando. Ó día seguinte amanecín bastante conxestionada, unido ó descenso en bici dende o Tepeyac dándome o sol no cogote… non fixen moi boa combinación e Voilá! Un pequeño catarriño, nada grave.
O caso é que hoxe á mañá non andaba ó cen por cen e Óscar deume permiso para quedar na casa descansando en vez de voltar a “Salomón”, non fora ser que en vez de remitir isto vaia a máis.

Fun avisar a Giuseppe para que non me agardara e voltei para casa. Adiquei o resto do día a ler unha das novelas que merquei fai pouco.
Unha vez que a auga voltou (houbo un corte ata despois do mediodía, máis ou menos) freguei os pratos acumulados no lavadoiro mentras a Luísa durmía.
Xa máis tarde fun buscar a bici destartalada que pedín prestada para Beta e que deixara no taller; ía agardar por Celina para que me acompañara buscala pero parecíame que ía chover así que decidín ir eu soa.
Collín cartos imaxinando que quizais me costara máis de 200 córdobas e a partires de aquí adico esta historia a Bea (lembras o do amaño da túa bicicleta…?): na miña bici houbo que amañar un “punchazo”, os frenos que estaba frouxos, cambialo eixe da roda de atrás e mais poñerlle a pata de cabra; á de Beta practicamente houbo que facerlle unha cirurxía completa, as dúas rodas “punchadas”, os pedais case soltos, a cadea nova e mais engrasado dos pratos e cambio do selector de marchas, estaba roto, e por suposto limpouna porque viña cun “pouco” de morralla a burriña de tanto tempo aparcada. Creo iso foi todo.
Canto credes que me costaron estas pequenas reparacións?
En total foron 110 córdobas! (ou sexa, pouco máis de tres euros!!!)
Xa ves, Beíña, que llo digan a aquel tipo de Coruña…

De volta en casa estiven de charleta coa Luísa, contoume moitas cousas da súa historia familiar. Dura.




Mercado pola mañá cedo e ata arriba de lodo (4 de novembro)


Esta mañá foi a que máis cedo tomei para ir ó mercado, ás nove. Había moito movemento e moita mercancía, xeralmente vou despois de comer e xa hai menos postos abertos e menos xente. E curiosamente os prezos son máis caros tamén pola tarde, cando eu pensaba que ó estar a piques de pechar baixarían o que piden por iso de vender a mercancía antes de rematar o día.
Encántame ir e pasear entre os postos. Sempre te sorprende algo novo. Hoxe entrei no edificio do mercado, xeralmente camiño polos que están afora pero como tiña tempo permitinme ese luxo. Fun dar coa sección das pescadeiras, baixo o tellado do antigo mercado alí estaban as mulleres vendendo o seu peixe, abunda a “morraja” e o “wapote”, collidos no lago.

Fixen unha boa compra, o peor foi levalo todo de volta ás costas, na mochila: 4 libras de arroz por 32 córdobas, 2 de frijoles por 19 córdobas, 1 boa piña por 15 e unha ducia de deliciosas laranxas por 10!
Se o euro está a 30 córdobas, imaxinade qué pouco gastei.

Máis tarde fun á “Quinta de los Chavalos”, a escola ó pé do lago, buscar unha das bicis defenestradas que alí teñen para compoñela para cando chegue Beta. De paso revisei algunha cousiña da miña; o señor do taller en canto viu a primeira xa dixo “Íjole, ésta es de la UCI, hay que resucitarla!”, pero seguro que a deixa moi ben. Os repostos das bicicletas aquí son baratísimos e os amaños tamén: hoxe merquei unha pata de cabra e costoume 32 córdobas (1 euro) e amañar un “punchazo” son uns 7 ou 8 córdobas. Xa vos direi canto foron as dúas bicis xuntas.
Aquí as bicicletas son o transporte por excelencia, un non é nada sen ela, ademais de trasladarte facilmente tamén te sintes máis seguro paseando nela pola rúa sobretodo de noite.

E hoxe mércores tocábame escola “Salomón de la Selva”. Giuseppe, Ryan e mais eu galopando cara alá a iso das 12.30. Na zona do charco xigante fun a pé apoiada na bici, que ía polo medio da auga, e eu tentando apoiarme na beira do camiño onde parecía que o lodo era menos brando e había aínda unha pouca de altura. Librei bastante ben. Pero á volta sí que foi imposible, o pé dereito acabou por completo dentro… Os tres valentes cruzaron polo medio da auga sen moitas consecuencias pero hai que pillarlle o truco. Creo que a partires de agora vou ir en “chinelas” a escoliña e cando chegue mudareinas polas botas perfectamente limpas.

Outra cousa que me pasou foi que a miña bici non ten o gardabarros que impida que o lodo sexa escupido contra toda ti… Pois iso.

A carón da escola, onde un regato que por alí pasa, hai un pilón con auga que está continuamente saíndo por unha mangueira e alí nos refrescamos ó chegar. Hoxe había catro dos rapaces dos maiores (3º, 4º e 5º grado) con catro machetes rozando a finca, o patio; estaban botando unha man á escola. Lástima da cámara!
Os machetes son coma uns coitelos xigantes (e cando digo xigantes quero dicir enormes) que son ferramenta básica e meten un pouco de medo… Imaxinade esa escea nas nosas escolas. Impensable.

Tocoume reforzo con Kevin e Luís, dous nenos de 1º grao con moitas dificultades: Luís ten un nivel baixísimo, os números cóstanlle un montón, non é capaz de formalos do dez en diante, tamén ten un sorriso branco, continuo e precioso e uns ollos tan lindos; cando traballo cos de preescolar ás veces se une a nós; é unha dozura de “chavalo”. Kevin é distinto, con moitísimos problemas de concentración e comportamento, encantador cando está tranquilo e responde pero costa conseguir iso (sobre todo cando levas tan pouco tempo coma min e vas estar tan pouco tempo coma min); desgraciadamente, penso que debe ter unha situación bastante dura na casa; sen embargo vai máis adiantado ca Luis aínda que ten moitas carencias.

Traballei cos de preescolar, que en canto me viron entrar no recinto viñeron saudarme cun abrazo. Qué lindos! Son pouquiños, xa os vistes a semana pasada, e estaban desexando cantar.






Día de defuntos e a boa xente nica (2 e 3 de novembro)

O día de defuntos non houbo clase en Nicaragua e tamén foi a primeira vez na que en moitos traballos se deu todo o día coma festivo pois ata agora somentes libraban ata o mediodía.

Dende Ritmo en los Barrios conseguiran unha entrevista nun canal de televisión con sede en Managua, o canal 2, para un programa matinal de éxito. Foron ata alá Oscar, Quelo, o profesor Juan, Lenya e Sara xunto con varios pequenos que tocaban a frauta. Ás 8 da mañá erguinme para ver o programa e tiven que agardar ata máis das nove para ver á xente.
Fixéronlles unha entrevista non moi longa pero suficiente para publicitar o proxecto e sobre todo falar do vindeiro concerto. Oscar e Lenya foron os protagonistas da mesma e os nenos con Sara e Juan os que apareceron tocando.

Ó mediodía quedara con Quelo para ir rematar con algúns dos patrocinios e tranquilamente fomos ó centro. Facía moi bo día, para variar, pero Granada parecía Lugo os domingos; non había ninguén pola rúa, notábase tanto que era festivo, eu imaxinaba que tal vez sairían pasear ó parque ou polas rúas pois algúns locais estaban abertos sen embargo reinaba o silencio. Foi moi agradable moverse na bici sen o tráfico de tódolos días, a xente, o ruído… E iso que Granada é tranquila sen embargo nótase que é unha cidade especialmente en certas rúas, como a Atravesada ou do Comercio, a máis transitada xa que é a que desemboca no mercado, nunha das principais paradas de buses, están a maioría dos locais comerciais por aí espallados, tendas, barberías, ventas, postos na rúa de CDs, “hot-dogs”, limpabotas, os cambistas… En fin, a máis bullangueira.
Coa calor e o ir e vir apeteceunos tomar algo e Quelo comentoume dunha pequena pastelería onde servían un marabilloso doce de tres leites. Alá fomos.
Huuummm, boísimo!

Acabamos tendo unha interesante conversa acerca da actitude de algúns estranxeiros cando veñen aquí, un pouco paternalista con respecto á sociedade nicaragüense e quizais ás veces demasiado crítica ou cunha moralina insoportable.
O que creo que sobre todo hai que facer é aprender da inocencia e espontaneidade que todavía posúen e que a nosa sociedade xa logo perdeu. Polo menos o que levo vivido ata agora nos sitios a onde fun é que a xente é na súa maioría moi cordial, amable, xenerosa e de falar cariñoso; ás veces chego a un lugar e miro a alguén e ó botarlle eu un sorriso sempre me respostan con outro, a pesares de ser “chela” (estranxeira) nunca atopei a ninguén que me mirara raro ou desconfiado ou me evitara. E sobre todo, a pesares de que a educación é moi moi básica en xeral, ler e escribir, son xente tremendamente correcta no trato, ata agora tampouco din con ninguén que fose bruto ou maleducado falando, xurase ou soltase expresións malsoantes. A dozura e corrección é a tónica. Mesmo nas escolas, por moitos problemas que poida haber nas casiñas e familias, problemas que ás veces ves claramente no comportamento ou reaccións dos rapaces, endexamais ningún neno ou nena me falou inadecuadamente nin me sentín agredida de ningún xeito.
E a sinxeleza, a felicidade con tan pouco, o disfrute das cousiñas pequenas, a ilusión por aprender cousas novas, as cariñas de satisfacción e alegría (e moitas risas ás veces) provocado por algún xesto meu nas clases de música por exemplo son día a día recompensas nas que fixarse, levar para sempre e negarse a esquecer nunca.

E algo coma isto é o que me pasa na escola “Juan Diego”, a dos martes. Hoxe fun coa guitarra e todos querían que tocara, que cantara… sempre hai os “Bos días, Belén!” ó chegar ou o “Adeus Belén!” ó marchar. Eles piden polas cancións que lles gustan e son case todas. E cantan emocionados berrando e piden sempre máis.






Illa Ometepe e ensaio para o concerto (30, 31 e 1 de novembro)


Xa reservada a habitación en Zapatera, á noite do xoves acompañei a Giueseppe a casa e atopámonos co seu veciño, un rapaz novo ó que o meu amigo Giuseppe se lle ocorreu preguntarlle que outra alternativa había para ir á illa Zapatera. Resulta que Quelo me dixera que á unha do mediodía do venres saía unha furgoneta dende a gasolinera do mercado para levar ós habitantes das isletas ata o lago e alí coller unha “panga” para cruzar ata a illa. O caso é que a Giuseppe parecíalle que chegaríamos a unha hora na que non poderíamos aproveitar demasiado a tarde dese venres xa que aquí vén oscurecendo a iso das 5.30 e confiamos no seu veciño para unha alternativa máis madrugadora e aproveitable: coller un bus ata Rivas e alí un taxi ata o porto de San Jorge, onde tomar un ferry para a illa.
Así o fixemos. Ás 10.30 da mañá estabamos no porto de San Jorge. Pero… aquí veu a sorpresa: NON HABÍA FERRY A ZAPATERA! Nin que dicir ten que nos acordamos do rapaz en cuestión…

Plan B: ou ir á outra illa á que se vai dende ese porto, illa Ometepe, ou coller cara a zona das praias do Pacífico, San Juan del Sur, por exemplo.
Finalmente gañou Ometepe, a illa máis grande dentro dun lago. Unha illa por outra.

Na barca xuntámonos con outros tres españois. E qué barca, sen comentarios.

Chegamos unha hora despois a esa illa de dous volcáns: "Ometepetl" en lingua nahuatl significa  dúas montañas, "ome"=dous e "tepe"=cerro; ten forma de oito e en cada unha das súas metades érguense imponentes o volcán Madera (o máis pequeno e cunha lagoa no seu cráter) e o Concepción (segundo volcán máis grande de Nicaragua e aínda activo).
A barca atracou en Moyogalpa a iso das 12 do mediodía e decidimos coller un bus cara unha zona coñecida como Charco Verde. Eu imaxinaba que iso sería unha vila ó pé do lago, como unha zona turística con algún hoteliño. O bus chegou a un punto da estrada onde nos mandaron baixar; o único que alí había era un cartel que dicía “Welcome Charco Verde” ó pé dunha entrada cara un camiño longo. Dez minutos andando por ese vieiro entre fincas vaiadas con vacas pastando nelas e eu preguntándome que a onde ía dar. Finalmente chegamos a un recinto con cabañas de dous pisos e un restaurante baixo un gran porche de tella á beira do lago. Iso era Charco Verde.
Alí quedamos. Comemos no restaurante e fomos facer as rutas que se marcaban. E aí atopei a razón de “Charco Verde”: o lago entra por unha zona da praia facendo unha lagoa pequena cara o interior da illa e con árbores “acuáticas” (non sei cómo se chamarían) nas beiras (fixádevos nas fotos). Para cruzar esa lingua de auga hai unha pequena pontiña de madeira e alí había varios pequenos pescando con rede á maneira tradicional, por suposto vestidos. Continuando a ruta puidemos ver xigantes nidos de termitas, árbores fermosas e paxaros incribles: a urraca nica, unha fermosísima ave de ás azuis e unha pequena cresta de dúas plumas da mesma cor; e o “pato chancho”: cando os escoitamos por primeira vez pensamos que había un chancho bañándose na lagoa pero cando comezamos a subir unha pequena colina seguimos escoitando máis e máis gruñidos que xa non sabía un se eran chanchos ou focas… Finalmente resultaron ser unha especie de ánade (creo que esa sería a especie) cun pico afiado e curvo e que emite ese son impresionante, moreas deles pousados nas árbores gruñindo coma chanchos, realmente, e mirando cara o mar pousados nas árbores.
Voltamos ó hotel.





Ó día seguinte Giuseppe e Carlos (un rapaz co que nos xuntamos e que traballa para Inxenieiros sen fronteiras en Jinotega, ó norte do país preto da fronteira con Honduras) querían ir pescar. Erguéronse moi cedo.
Ó espertar fun almorzar o de sempre, o de case tódolos días aquí: gallopinto (arroz mesturado cos frijoles que tiñen o arroz lixeiramente dunha cor morada), queixo frito e ovos, esta vez sen maduro. Despois un baño no lago.
A idea para ese sábado en Ometepe era subir ó volcán Concepción, de 1600 metros de altura dos que só está permitido subir uns 1200. Voltamos a Moyogalpa e alí buscamos un guía que por 200 córdobas por cada un nos organizou a saída.
Unha furgoneta levounos ata La Concepción, o pobo onde sae a ruta cara o volcán.
Comezamos a camiñata: a primeira parte máis sinxela por ser case cha pero ai, a segunda! Subir como por unha escaleira de escalóns pequenos ou grandes, feitos por raíces ou por terra e cunha pendente máis que pronunciada onde máis que un kilómetro parece que fixéramos 10. Iso era o que parecía se por exemplo un me vía a min, literalmente empapada en suor, qué digo empapada, ¡chorreando! Foi dura a subida esa, chegou un punto no que case me arrepinto de ter aceptado pero nese momento quedaban uns 400 metros, os 400 metros peores da miña vida!

O peor de todo foi que cando por fin chegamos á zona que chaman o mirador, sentámonos sen remedio a coller folgos e estaba un pouquiño nublado; agardamos, respiramos e cando nos decatamos, a néboa cubría irremediablemente todo ó noso arredor. Foi o peor que podía ocorrer, perdemos unha vista única dende alá arriba e ese era o obxectivo primeiro.

O mellor foi todo o bosque tropical que cruzamos, as prantas, os animais e os seus ruídos e cómo non tódalas cousas que nos contou Luís, o guía: os indíxenas que habitaban Ometepe eran os “chorotegas”, adoraban á ceiba (gran árbore), facían sacrificios nos volcáns e fumaban “chiltagre”, unha folla que enrollaban para facer tabaco; ensinounos prantas con follas poderosas como remedios naturais diferentes, unhas frotándose serven como repelente de insectos e outras tiñan auténtico olor a allo, estas maceradas e tratadas non lembro cómo servían para facer cataplasmas para dores de músculos ou osos; puidemos observar ó “mono congo”, manadas deles que nos observaban dende as pólas das árbores e ruxían no medio do bosque facendo un estruendo case atemorizador; e lembrei a Fernando cando vin tantos tipos de formigas diferentes ás que vira ata agora, unhas vermellas transportando trozos de folliñas que quintuplicaban o seu tamaño, mesmo unha levaba a outra formiga subida enriba da folla, impresionante! E a máis impresionante foi unha que vin en Charco Verde destacando sobre unha vaia branca, ese sí que é un formigón xigante, os formigóns mencionados en veces anteriores non tiñan nada que ver con ese, xúrovos que era de longa coma o meu meñique, negra e cuns pedazo de dentes asomando da cabeza… Luís contou que a mordida é moi doorosa, como a dunha avespa.
E capítulo aparte son as volvoretas, cantos tipos e qué fermosas! O de que son enormes xa volo comentara, pois puidemos ver algunha con cada á como cada unha das miñas mans; dende que cheguei e as vin por primeira vez veuse á miña memoria un conto esquecido que lin de cativa, creo que era un cómic e para ser máis exactos, xuraría que era de Tintín (Miguel, axúdame!) e ocorría que os protagonistas chegaban nas súas andainas a un val que estaba ateigado de volvoretas xigantes e de moitas cores diferentes; sempre me gustaba aquela imaxe daquel lugar plagado de volvoretas de fantasía e aquí son verdadeiramente así: hai unha especialmente fermosa que era gris escura pero cando se abre por completo ten toda unha gran mancha azul brillante dun extremo ó outro, é a “morfo”; e outra é a “ojo de búho”, cun gran ollo debuxado no seu lateral inferior, desta conseguín unha boa foto; tamén está a “tigre”… Imaxinádeas acompañándoas continuamente na ruta e voando tan tranquilas ó teu arredor, magníficas.
Seica nese bosque tamén hai “mono cara branca” e “monos araña”, máis agresivos e mesmo teñen visto boas constrictor. Por sorte nós non vimos ningún destes últimos.

A baixada do volcán foi a mil por hora, seguindo a Luís coma unha frecha. As rodillas tremaban coma varas. Conseguímolo finalmente. Ó parecer a subida ó outro volcán, o Madera, é mesmo peor, son 4 horas de subida e 4 de baixada e un dos tramos afundido no lodo; pero seica compensa cando ó chegar ó cráter se pode ver unha lagoa de auga xeada no seu interior. A verdade é que despois de baixar do Concepción o noso pensamento era o de dilatar ó máximo calquer subida a outro volcán.




Para baixar ata Moyogalpa outra vez Luís conseguíunos un “rai” nunha furgoneta por 10 córdobas cada un. Xa no pobo buscamos un hostal rexentado por unha parella de norteamericanos, ben maiores, que levaban 10 anos vivindo no Caribe e viñan de Nova York. Era un sitio que en principio non chamaba nada de nada a atención pero en cambio daba gusto ver as habitacións, relimpias e cun grande ventilador no teito. Pagamos 10 dólares cada un.
Fomos cear a un restaurante, “Ranchitos”, ben posto a modo de porche de madeira e palla, como algún tipo de cabana.
Era noite de Halloween e algunha xente nova ía disfrazada pola rúa.

Á mañá seguinte había que voltar para Granada cedo porque tiñamos o primeiro ensaio de “Ritmo en los barrios” a iso das 9 da mañá. Collimos o primeiro ferry ás 6, ese sí que era unha barca en condicións e non o do primeiro día.




Un capítulo un pouco escuro desta viaxe de volta de hoxe foi o “mangante” do cobrador do bus Rivas-Granada, que nos cobrou a cada un 25 córdobas de máis, o dobre do prezo do billete! Discutímoslle que a mesma viaxe de ida nos costara 24 córdobas pero non houbo maneira, 55 córdobas nos mangou. Pero agora xa aprendín, se un non sabe o prezo co cal non está preparado para dar os cartos xustos sen ningún atisbo de dúbida, hai que preguntar a algún outro pasaxeiro e despois, no caso de que o tipo siga insistindo, definitivamente negarse a pagar. Máis tarde Quelo me diría que os dos autobuses de Managua (este facía Rivas-Managua) eran especialmente falsos (por dicilo suavemente).



Baixamos no empalme para Granada e alí agardamos un bus que fai a ruta Nandaime-Granada. E sentado atrás ía Óscar, o coordinador de “Ritmo en los Barrios”, tamén cara o ensaio. E na seguinte parada subiron a profesora e tan só tres nenos dos da escoliña “Juan Diego” (deberían ser 14). Eses tres valentes viñan completamente empapados (completamente…) xa que levaba chovendo toda a mañá: Franklin, Jason e Melva. Os únicos que se atreveron a desafiar ó tempo e que cumpriron máis que responsablemente co seu compromiso.

Non puiden evitar sentirme un pouco responsable da súa molladura… Víalos tiritar polo frío que estaban a coller. Busquei unha solución.


Ó ensaio faltaron un montón de nenos seguramente pola choiva, é que de feito aquí cando chove moito momentos previos ás horas de clase os nenos xa non aparecen. Imaxinade estar durante 5 horas coas roupas por completo molladas enriba dun… por non falar de cómo se poñen os camiños.

Portáronse xenial os que estiveron, de marabilla: atentos, escoitando en todo momento as recomendacións dos profes, facendo os exercicios de quecemento para a voz, mirando para os compañeiros das outras escolas, mesmo a afinación era moito mellor do que un podía imaxinar vendo cómo o facían nos ensaios durante as clases de música… Víaselles moi nerviosos tan só por esta proba, Melva dicíame que lle sudaban as mans.

E foi moi emocionante escoitar cada unha das cancións, sobre todo cando cantaron todos xuntos “Nicaragua, Nicaragüita”… Imaxinade o que pode ser o día do concerto, non quero nin pensalo: co esceario preparado, os profesores e colaboradores todos con uniforme de “cotona” (camisa típica) que imos poñer, as nenas que bailan cos seus traxes típicos, o Carlos Mejía cos Palacagüina… Máis de unha van precisar panos.

Este fin de semana estivo moi cargado de aventura e anécdotas.
















Novo voluntario e máis clases (29 de outubro)


Para variar fixo moito calor.
Ás 12.30 tócame saír cara a escola “Salomón de la Selva” e son xusto as horas de máis sol; con gorra, gafas de sol e mais protector solar factor 60 me equipo e andando.

Giuseppe estaba hoxe un pouco enfermo e quedou na casa pero aínda así non fun soa, apareceu un voluntario de Minnesotta chamado Ryan que ó parecer estivo por máis dun ano tamén en Nicaragua. Foi quen lles fixo un columpio cunha roda ós nenos da escola. Como non atopou traballo de volta a EEUU decidíu regresar a Nicaragua por 2 meses.

Hoxe tiven reforzo de lingua e matemáticas con Irma e Ruth, dúas nenas encantadoras de 1º grao. Ruth é moi boa coas letras, Irma vai moito máis lenta; as conta cóstanlles ás dúas. Despois, durante o receso, estiven cos de preescolar; xa me viñeron buscar onde estaba para cantar e estaban tan emocionados e pedían outra e outra… Pedíronme o “Chuchuwuá”, que é unha canción para facer en formación de trenecito e que lles encantou. O outro día estaban moi tímidos pero hoxe soltáronse moito máis.

Máis tarde veu Josué, de Ritmo en los Barrios, e boteille unha man nas súas clases; cos de 1º e 2º grao ó principio parecía que me ía costar que atenderan pero pouco a pouco foron entrando e ó final estaban moi atentos e entregados, sobre todo un neno, Ricardo, colocado en frente de min, que non quitaba ollo ó que eu facía e que pillaba os ritmos perfectamente. Finalmente rematei cos maiores pero a sensación foi distinta, son moito máis pasotas que os pequenos e cando lles ensinei un pouquiño da percusión corporal e os ritmos mirábanme moi raro... Normal, na súa vida viran cousa igual pero é un traballo o rítmico que precisan traballar máis a miúdo; a ensinanza aquí é basicamente cancións e xogos, que está moi ben, pero o dominio do ritmo véxoo fundamental para incluso aplicalo ás outras actividades e pola implicación que ademais ten co seu propio corpo. Coxean moito nese aspecto. E para os profesores nicas é xenial ver cómo outros damos as clases, as posibilidades de capacitacións e formación aquí son moi escasas e están desexando a marioría aprender cousas novas.

Rematou a xornada en “Salomón” e voltamos a Granada. Con Giuseppe fomos chamar a un hospedaxe na Illa Zapatera, para ir este fin de semana. Ten moi boa pinta. Espero ter fotos bonitas!






Malacatoya e Tepalón (28 de outubro)

Qué día máis bo o de hoxe!
Como vos dixen onte fun acompañando á xente de “Calli-Tanday” ás comunidades rurais de Malacatoya e Tepalón.
Ás 8.15 quedara na casa comunal para coller a camioneta. Recollimos polo camiño a Dona Chilo, Dona Dora e Eliza, que comigo iamos dentro da furgoneta, pero Emmanuel (outro membro da organización) ía sentado atrás onde vai a carga e con él acabaron subidos 10! Durante o percorrido van facendo “ray” e recollendo a xente, entre eles algúns profesores que van ata Malacatoya dar clase ou algún que outro comerciante.

O camiño vai dirección norte e sempre bordeando a beira do lago ata que un se vai adentrando nos grandes arrozais e deixa de ver a auga, pero sempre queda moi cerca. A estrada é de terra e ó longo dela vas atopando grandes pozas pero grandes grandes que ás veces eu pensaba que era incrible realmente que a furgoneta pasara… Nalgunhas metíamonos coa auga cubrindo ata a metade do vehículo! Seica máis dunha vez teñen quedado varados no medio e tiveron que empurrar, por suposto cubertos de auga.
Vas vendo dende o coche as casiñas das familias que viven nesa zona, a maioría viven da pesca que van sacando do lago e máis da recolleita do arroz. E a carón das súas casiñas, aínda preto de Granada, están as grandes quintas das familias “importantes” da cidade e que usan para os seus fins de semana. Moito contraste.
Son uns 30 kms pero tárdase en percorrelos unha hora.
Imprescindible cruzar o río Panaloya que cruza a comunidade de El Paso; cóllese unha barcaza na que os homes axudan mover tirando dun cable de aceiro que vai dunha beira á outra do río, un enorme río que desemboca no lago Cocibolca.





Máis adiante un xa chega á comunidade de Malacatoya, moi humilde. Alí a asociación FUNDAVI (Fundación Apostamos por la Vida) xunto coa colaboración de “Calli-Tanday” traballan nunha casa comunal que pertence xuridicamente á xente, o goberno non ten ningún dereito sobre ela. Alí teñen un dispensario de medicamentos que venden á xente a un prezo moito máis baixo do que se ofertan nas farmacias: unha xeringa custa 1,50 córdobas fronte ás 4.50 da farmacia; Jeanette, a rapaza que leva o local, contoume que un medicamento para a súa nena alí conseguíuno por 19 córdobas e que na farmacia costáballe 90. Eliza contoume que eles non fan negocio coa venda de medicamentos, simplemente co gañado páganlle a Jeanette e mais costean os gastos da luz e auga da casa comunal. E cando non dispoñen dos medicamentos as familias (moi humildes) teñen que trasladarse ata Granada (percorrido que xa imaxinaredes nada doado, non hai nin moitos buses que o fagan) co conseguinte gasto económico e perda de tempo ademais de ter que pagar moitísimo máis do que en realidade se puideran permitir.

Coñecín con Eliza a Lesbia Brizuela, unha líder da comunidade pertencente a unha organización do goberno que é o CPC (-----) e que presionando e presionando conseguíu que en Malacatoya se levasen a cabo os módulos de educación para mulleres adultas para a obtención dos títulos de Primaria e Secundaria que nunca puideron obter por ter que deixar de estudiar no seu momento. Na nosa conversa xurdiron varios temas, outro foi o do maltrato que moitas mulleres sofren e que se negan a denunciar e cómo están intentando conciencialas nesa dirección; explicounos o caso dunha muller que coñece maltratada polo home e que este cando a agrede esperta ó neno para que o vexa.
Cambiando de tema, falou da estrada pola que viñemos e que están amañando pero que cree que non chegará ata nin siquera á comunidade de El Paso, o cal é un terrible erro xa que é fundamental o bo estado desa vía para o traballo que se fai nesta zona, a de maior cultivo arrozal de Nicaragua; falaba de levar ós agricultores, recolectores e familias a protestar alí onde están as máquinas.

E todo o van conseguindo estas asociacións por medio da loita, loita continua dende xa fai moitos anos conseguindo pequenos avances por parte dos gobernos e da propia xente das comunidades, que é vital que desenrolen a conciencia do fundamental que é a organización deles mesmos para ir conseguindo eses cambios progresivos e tan beneficiosos. E son as mulleres as grandes protagonistas destes cambios, son as que realmente teñen máis interés e dan os verdadeiros pasos.
Como por exemplo Ama Claudia, unha señora que vive na comunidade do Tabacal, cruzando ó outro lado do río Malacatoya. Según Eliza é unha muller única, xa maior pero con moitas ganas de facer cousas e que sempre traballou con honestidade en todo o que se propuxo e lle propuxeron. Entre algunhas das cousas feitas, con outras mulleres levou a cabo o proxecto dun muíño, moi importante para a súa economía.Unha vez alí, invitounos a comer un peixe chamado "mojarra", riquísimo, con arroz e plátano cocido.
Na casa comunal do Tabacal reciben na tempada de verán en España a voluntarios e voluntarias que traballan en proxectos de alfabetización e ó mesmo tempo convivindo estreitamente coas familias.





Toda a historia de “Calli-Tanday” e FUNDAVI é moi longa e teño medo de non sabela contar pero sí quixera mencionar a labor que unha muller de Lugo coñecida como Ana María, fundadora de FUNDAVI e pertencente a AXUNICA realizou e realiza dende fai moitísimos anos. Todo o mundo a coñece aquí e axudou a moitas mulleres destes lugares a unirse e traballar xuntas.

Dende Malacatoya agardamos un bus (o último que pasa por alí, á unha do mediodía) que nos achegou a Tepalón. Nesta área hai dúas casas comunais, Tepalón I e Tepalón II. Na primeira Dona Dora estaba reunida cunhas mulleres que levan o proxecto do comedor escolar para os nenos da zona, un incentivo para que vaian á escola e para garantizarlles unha boa comida ó día. E Dona Chilo leva un obradoiro de costura con outro grupo.
A Eliza tocáballe ir a Tepalón II onde a agardaba un grupo bastante numeroso de mulleres e algún home para falar do proxecto da auga potable e mais da electrificación. O proxecto de electrificación está subencionado nun 30% polo Concello de Lugo e pretende levar luz a toda esa zona, onde nunca tiveron luz e hai mulleres que levan vivindo alí dende comezos do sandinismo, fará uns 35 anos.
As reunións que leva a cabo Eliza prolongaranse durante 5 meses e buscará fomentar a conciencia de grupo e de cooperación entre eles. Comezará falando dos valores humanos e a súa importancia pois son vitais para o éxito destes proxectos xa que se trata de poñer a auga ou a luz de xeito legal e hai xente que non paga e decide “pegar” o seu suministro, o cal é un perxuízo para todos pois cantos máis estén unidos sempre lles sairá máis barato.
Pouco a pouco van conseguindo que esta xente esté máis ilusionada e colabore, polo menos nesta zona o resultado está sendo bo pero noutras, coma no Tabacal, contábame Eliza que despois de percorrer casa por casa (debaixo do sol…) falando con toda a xente especialmente mulleres para que se animaran a participar, chegado o día da reunión non apareceu ningunha. Hai moitas razóns, unha son os homes que non lles deixan vincularse por medo a qué sei eu (doado de imaxinar, por outra parte) e outras a xuventude e pasotismo doutras que prefiren quedar diante do televisor vendo a telenovela.
Os esforzos por tanto son moitísimos, a loita polos seus dereitos vén delas mesmas e non poden agardala por parte dos gobernos que fan máis ben pouco; resulta moi gratificante cando ves imaxes de satisfacción como as de Tepalón.

Nesta área de Tepalón as casas sitúanse cos patios cara o río Malacatoya e cando hai as enchentas de outubro (non é o caso deste ano de sequía) chega a inundar todo ata o camiño; cando o furacán Mitch dicíame Eliza que ela e Dona Chilo fixeron longas camiñadas polo medio da auga ata chegar a onde estaban as familias para que así sentiran que non estaban soas. Por iso tamén a importancia das casas comunais, moitas veces son un lugar de refuxio para estas situacións de desastres naturais, están levantadas algunha a un metro de altura do chan para poder resguardar á xente.

Toda a inmensidade de terra que se pode alcanzar coa vista en Tepalón pertencen a un só home, un terratenente que decidíu entregar unha pequena porción de terras ós agricultores pero sen ningún documento que lles outorgue a posesión dos mesmos, é dicir, a terra é súa e non é súa. Poderían perdela en calquer momento, de feito dito terratenente vende precisamente os inmensos terreos que hai máis alá do río (por creo 5 millóns de dólares) e aí en medio viven moitas familias.
Onte vin moita pobreza (casiñas feitas de plásticos e paos, por exemplo) mais Eliza me dixo que aínda hai zonas peores ás que eles acoden.

A volta fixémola con dúas máquinas de coser na parte de atrás da furgo e esta vez animeime a ir sentada aí, facendo auténtico “ray”. Foi divertido e intenso, a verdade, ver dende aí cómo o “carro” cruzaba as enormes pozas e aguantar os tumbos que a furgo vai dando polos continuos baches. Se unha muller de 50 anos pode facelo dende logo eu tamén tiña que poder.
Cheguei moi cansada onte a casa.






Obras en "Juan Diego" e as miñas clases (27 de outubro)

Coma tódolos martes dende que cheguei, dirección escuelita “Juan Diego”, no Tepeyac.
Agarro bici dirección cementerio e alí collo un bus; hoxe non me cobraron de máis, sen case mirar ó rapaz que cobraba dinlle 10 córdobas e nin me rechistou, ou sexa, que ese é o prezo, e nada de doce como me cobraron dous listillos as veces pasadas. Ó ser considerada “gringa” aprovéitanse da miña suposta ignorancia dos prezos e mesmo che discuten, como me fixo un a última vez pero nesta ocasión asegureime e pasei a levar eu a iniciativa, nada de preguntar canto é. E saíu ben.

Atopeime con Quelo no camiño á escola, despois de baixar do autobús. De novo él fixo a ruta en bici.
A escoliña está en obras e lembrei cando estabamos nós coas nosas… pero creo que as medidas de seguridade sonche bastante diferentes, os nenos aquí seguen xogando nos columpios a pesares de que o soldador está xusto á súa beiriña. Ademais, se xa non tiñan moito espacio agora unha das aulas é un taller, provisional, está claro pero están na recta final de curso e andan coas pesadas cadeiras de aquí para alá facendo traslados según as necesidades.





Hoxe tedes fotos das miñas clases, de dúas polo menos, cos de 1º grao e preescolar. Traballei cos de 2º, 3º e 4º e 5º, que en música están xuntos. Quelo xa me deu hoxe aínda máis protagonismo para ir facendo pouco a pouco a transición de profesores pois cando el marche eu me encargarei das súas clases e xa que leva todo o curso él con eles pois se faría un pouco duro que de súpeto ocupara eu o seu lugar.
Traballei ritmos sinxelos con percusión corporal, cancións con xestos e movemento e mais cantamos algunha canción tocando eu a guitarra ou acompañándome Quelo.
Estivo en xeral moi ben. E son tan cariñosos, xa só coa mirada son cariñosos.






O paseo de volta a Granada sempre é agradable. Parei nunha boa panadería preto do cemiterio (creo que xa vola mencionei, El Esfuerzo) e alí merquei de novo pan e hoxe trouxen tamén uns pasteis riquísimos e grandes, cada un 6 córdobas.

Ás catro tiña clase en “Calli-Tanday” pero antes pasei por unha tenda de artesanía para turistas e había unhas chinelas idénticas ás que merquei no mercado de Masaya e de non costarme máis de 20 córdobas (menos dun euro) nesa tenda pasaban a 100 córdobas!
Fixen unha foto á casa na que se inspira a noveliña que estou lendo e mais doutras casas de camiño á casa comunal. Xa as veredes máis abaixo.

E hoxe en “Calli-Tanday” tamén houbo moi poucos nenos, só 6. Cando cheguei estaban a facer artesanía na aula de preescolar que alí teñen, artesanía que despois venden e por exemplo tamén os españois que veñen de voluntarios (moitos de Lugo con Axunica) as traen para vender aquí.
Pero a clase foi moi ben, aprenden rápido e creo que lles gustan as clases pois sempre me decato de que estiveron practicando, o que é boa sinal.
Encántame esta clase, quizais porque son maiores que a maioría dos nenos onde dou clase e estou máis acostumada a esa idade ou por eles mesmos probablemente, a verdade é que son encantadores e reaccionan con todo o proposto, teñen ilusión e son divertidos e boa xente.
Voltei para casa camiñando con Verónica e Marbelý, que me foron ensinando palabras nicas; creo que me van ensinar moitas máis das que eu aprendería soa ademais porque é un falar que algunha xente vai perdendo, por exemplo a propia Marbelý comentaba que ela falaba moito máis “nica” do que o facía agora, quizais por abandoar a súa comunidade e vir para a cidade e estudiar unha lingua máis estandarizada, o “español”, que é como lle chaman.
Foi un paseo moi agradable e constructivo.





Mañá vou cos de “Calli-Tanday” a unha comunidade rural nun lugar chamado Malacatoya, onde para ir hai que cruzar en barcaza, qué emocionante! Leva unha hora chegar alí. Espero ter fotos e información interesante para ensinarvos. Teño que levar a comida e auga, Celina acompañoume a unha venta preto da casa para comprar pan de molde, queixo “amarelo” e xamón, todo carísimo comparado coa relación cantidade-prezo que se manexa noutros productos no mercado: o pan de molde 21 córdobas, cada loncha de queixo 3,50 (merquei 5) e o paquetiño doutras 5 lonchas de xamón 26 córdobas.
Voltamos para casa eu correndo e xogando ó pilla-pilla con Yasir, foi divertidísimo pero cheguei chorreando (tampouco é moi raro). E mentras me refrescaba coa piña Celina decatouse de que levaba a camiseta do revés, andivera con ela mal posta toda a tarde coas etiquetas colgando! E comenteille que iso en España significaba que che darían un regalo e efectivamente tiven un regalo pois cando cheguei do cíber despois das clases Celina me tiña preparado un prato cunha especie de tortilla española no centro e rodeada por trociños de maduro frito facendo unha especie de debuxo culinario, todo un detalle. Ese foi o meu regalo.

O posto de Ivania e Pedro, hamaca e vocabulario (26 de outubro)

Xa teño a miña primeira hamaca! Aconsellados por Pedro, fomos Giuseppe e mais eu a buscalo á súa tenda, diante da porta principal do mercado, para que nos acompañase a mercar o material necesario para facer as hamacas. Nun posto mercamos o que se chama “forro” ou hamaca feita con tela de saco (a máis barata) e o “mecate”, a corda para colgala; o forro xa trae a costura nos extremos para por aí introducir o cordón. A señora do posto deixounos o kit completo por 60 córdobas cada un.
Pasei despois por algúns locais do centro cos que quedara fai tempo para solicitar patrocinio e citáronme todos para a tarde seguinte. A estas horas xa podo dicir que as respostas foron negativas.

Pola tarde tocábame clase en “Calli-Tanday” pero antes pasei pola escuelita “Yo Puedo” para ver cómo vai o ensaio do grupo de nenos que alí ensaian a canción “Pobre la María”, de Carlos Mejía.
Subín para as catro e media a “Calli-Tanday”.
Pero onte eramos pouquiños na clase, varios rapaces están enfermos e outros estaban de día de descanso; 5 alumnos e mais eu, traballamos ben, gústalles o que facemos pero penso que a hora e media que teño programada lles resulta un pouco dura ás veces… Eles tiveron clase dende as 7 da mañá e teñen as súas tarefas que facer e aquí o día agota, ou polo menos así a min me pasa. Por exemplo, precisamente o meu agotamento onte era enorme a iso das 3.30 e realmente non fixera practicamente nada en todo o día pero o calor é tanto que ata que dan as 5 da tarde e o sol comeza a desaparecer non me dou revitalizado. Sorpréndome a min mesma aguantando como aguanto pero sei que unha tempada longa aquí me custaría bastante soportalo.

Volvendo para casa trouxen a Marbelý unha das alumnas da casa comunal, na bici facendo “ray”. Foi o meu primeiro “ray” completo e leveina moi ben para ser a primeira vez. Vive preto da miña casa, na Villa; vive cunha señora que está soa pero a súa familia vive ós pés do Mombacho nunha comunidade ó pé dun río pero na semana, mentras estudia a secundaria, pasa a vida en Granada; e a súa familia pódese permitir iso porque está becada precisamente pola Casa Comunal e por iso participa das actividades que alí se organizan. No futuro tamén lle axudaran coa universidade.
Contoume que lle tocaba planchar ó chegar á casa.

Como non teño moito que contar vou seguir coa miña recopilación de vocabulario e expresións nicas:
-“A la orden”: expresión para “de nada” despois do gracias.
-“arrecho/a”: enfadado/a (“Se puso arrecha”)
-“fregar”: molestar (“Ai, no fregués!”)
-“razón”: mensaxe, recado (“¿Vos podés darle una razón?”)
-“estar parado”: estar de pé (“Párense, pues!”)
-“botar”: tirar (“Boto los frijoles que están malos a la basura”)
-“chapa”: pendiente (“Vos tenés una chapa en la nariz”)
-“qué salvaje!”: qué bueno, “guay”
-“aplastáte!”: senta e queda quieto
-“zipote”: neno, pero lido con “s” líquida en vez de “z”
-“chigüín/a”: neno, nena
-“butaco”: mecedora (que en tódalas casas hai, mobiliario básico coa hamaca)
-“brizar”: chuviscar, pequena choiva que soe preceder á torrencial, tamén lido con “s” líquida
-“pillar”: o piar dos paxaros

Ata aí.






San Juan de Oriente (25 de outubro)

Esta noite espertei de súpeto pensando que o tellado da casa caera. Ás tantas da madrugada houbo un estruendo nas planchas de cinc tremendo e como non escoitei que ninguén da casa se erguera pois tampouco o fixen eu (saír da mosquitera dáme un pouco de pereza). Ó final resultaron ser os gatos, coma tódalas noites; gatos da rúa que se pasean, corren, pelexan… nos tellados das casas e causan tremendo ruído rebotando no cinc.

Con Celina, Yasir, unha parella de rapaces amigos deles e mais Giuseppe fomos de excursión a outro dos chamados “pueblos blancos”, San Juan de Oriente. Cando lía a guía pensaba que se chamaban así por seren de casiñas brancas e non é o caso. A peculiaridade que teñen é que venden artesanía e en San Juan a especialidade é a artesanía precolombina, artística e utilitaria, pezas fermosas en barro reproducindo formas mitolóxicas aztecas ou con decoración animal, vexetal ou xeométrica. Algúns son pintados rematada a cocción (son de colores máis vivos) e outros se decoran antes da cocción facendo con punzóns os diferentes relevos que despois conforman o debuxo.

É realmente bonita esa artesanía e moi barata, baratísima tendo en conta o prezo ó que se pagaría algo feito artesanalmente en Galicia, por exemplo, e se un busca nas casas onde hai fornos aí sae aínda máis barato pois eles despois o distribúen a outras tendas onde xa lle suben un pouco o prezo pero aínda así segue saíndo moi barato. Por exemplo, por un portavelas de mesa do tamaño dun coco grande (para que vos fagades unha idea), todo decorado e coas ventás para a luz con formas de estrelas pedíannos 80 córdobas, que veñen sendo menos de 3 euros!
A excursión foi con Pedro e Ivania, a parella amiga de Celina, que se tomaron o domingo día libre. Teñen unha tendiña enfronte da porta principal do mercado onde venden roupa principalmente e abren tódolos días, seica o de onte foi unha excepción na súa rutina.
Con eles andivemos de paseo por San Juan e cruzamos a estrada para ir de novo ó mirador de Catarina, xa é a segunda vez para min e Giuseppe e na entrada ó estranxeiros cóbrannos 20 córdobas e ós nicas 2 así que pensamos en non entrar pero Ivania fixo presión ó garda e deixounos entrar por 5 córdobas a cada un. Nótase que traballando no mercado o seu é a negociación.
Mereceu a pena estar de novo alí porque a luz do día era distinta e distinguíase moito mellor o que había ó lonxe máis alá da lagoa, víase perfectamente Granada e o lago Cocibolca e mesmo as montañas ó fondo deste.
Xa voltando cara a parada do bus antoxóuselles un “raspado”, un invento nica feito con xeo raiado co que fan unha boliña e despois cuberto por mel de piña, de tamarindo e leite condensado cos que crean un cadro de cores moi brillantes. A máquina para raiar o xeo era ben curiosa. Podedes vela nas fotos.

Chegamos a Granada e pasamos mercar ós últimos postos abertos do mercado: arroz, frijoles e aceite, que mercan por litros en bolsiñas de plástico. E falando das bolsiñas de plástico, cando alá hai grandes campañas de concienciación para que deixemos de empregalas aquí están sendo realmente un problema, utilízanas a cotío e sobre todo á hora de servir os “frescos” e os xeados, véndenos en bolsas de plástico ás que lles fan un furadiño nunha esquina para ir despois chupando do zume ou do xeado; e a pesares de que hai papeleiras (tampouco moitas) a xente ten o costume horrible de tiralo todo ó chan, dende os buses caen os botes de coca-cola ou “gaseosas” (bebidas con gas de diferentes sabores), nas rúas rematado o “fresco” a bolsa vai ó piso… A verdade é que en xeral non hai coidado dos espacios públicos, urbanos e naturais, e uns lugares tan fermosos estanse vendo inundados de non paralo pronto pola marea das bolsas.

Á noite fun ó cíber da esquina. Ultimamente cambiei a outro tamén cerca de casa que é máis barato e máis rápido co cal evitei ó dono de relixioso fervor durante uns días pero onte tiven que voltar e de novo sáin rindo de alí. Xa me mira raro, quédaseme fitando como analizándome e eu simplemente non reacciono ata que me fai cuestións como de novo as que me fixo onte ó ir marchar:
-Señorita, usted de dónde es si me lo permite?
-De España.
-Ah, y allí en España hablan así como usted?
-Disculpe?
-Pues si por eso usted habla así, como una española.
-Supongo que sí, soy de España y hablo como una española, no es lo normal? Buenas noches!
Por suposto que a súa pregunta tiña un dobre sentido; a estas alturas xa non me asusto pero un día vou acabar dicíndolle que se limite a darme o ordenador e punto.




Formigas, piñata e superavoa (24 de outubro)

Hoxe foi outro día deses tranquilos; bueno, o espertar gracias a unha formiga non foi tan agradable. Á mañá estaban os maduros enriba dun arcón e apareceron cheos de formigas así que fun lavar un e cando o tiña na man notei unha formiga enriba do dedo meñique da man esquerda, mirei e unha formiguiña pegoume xusto nese momento un pedazo mordisco! Cómo morden ou pican as desgraciadas e mira que son cativas!
Hai moitos tipos de formigas aquí pero as principais son catro: dous tipos de formigóns, uns negros e outros vermellos que son doentes e cunhas antenas enormes (a formiga en sí é enorme) e logo hai outros dous tipos de formiguiñas máis pequenas, unhas que non fan nada e son tranquilas no seu camiñar e outras que andan moi rápidas e ás que chaman “hormigas locas” precisamente polo descontrol e rapidez do seu movemento, unha desas foi a que me picou. Tremenda!

Amañecín cedo e aprobeitei para ir a internet e mais ler un pouco. Despois de comer baixei ó centro a un lugar de segunda man onde merquei un par de pezas de roupa para trote. Merquei un vaquero corto noviño por un euro e medio. Había tres seccións na tenda, a premium e outras dúas, xa na premium era barata imaxinade as outras dúas... Na última sección xa non che deixan "tallar" (probar) a roupa, lévala a ollo. Tamén tiñan xoguetes de segunda man pero a verdade bastante feitos polvo...

Ás tres quedara con Celina para ir á piñata da neta da súa mellor amiga. Isto da piñata é algo aburrido para os adultos pois están aí sentados entre os nenos e apenas se relacionan entre eles; mesmo algúns nenos non se levantan das súas cadeiras en todo o tempo que dura a piñata, que por outra banda non é moi longa, unhas dúas horas entre recibir ós invitados, reventar a piñata e máis repartir a comida para os asistentes, que para a ocasión poñen as mellores galas; Celina foi toda guapa.
A nena de hoxe volvía a ir vestida de amarelo e como se fose unha princesiña (para o meu gusto un pouco cursi…). Nós sentamos fóra da casa e recibimos a comida e bebida, un prato de arroz á valenciana e un fresco de cacao.
Durante a merenda ían aparecendo os cans da rúa, sempre famélicos in extremis; dá moita mágoa velos apañando calquer cousa que ula a comida, o outro día vin un comer unha bolsa de plástico completamente baleira e hoxe outro devorou a servilleta na que envolveran un trociño do “cake” do cumpreanos.
Ó remate a mamá da nena veu falar con nós e eu pregunteille se custaba moito preparar a piñata (globos, aluguer de cadeiras, a comida, o vestido da nena e regaliños para os nenos que acuden) e respostoume que levaba 7 meses aforrando para a dichosa piñata! Que lle propuxo á filla ou ir de cea coa familia ou piñata e por suposto gañou piñata. É que o que ela nunca tivera llo quería dar á súa nena.

Máis tarde fomos en bici Celina e mais eu tomar algo á zona de bares, La Calzada. Pedimos un batido riquísimo de papaya, piña e sandía. Había un grupo grande de mozos bailando breakdance no medio da rúa e mentras facían cada un o seu número poñíanse diante dos coches e obrigaban a parar o tráfico durante ó mellor uns 10 minutos, así gañan algúns cartos pasando despois a gorra. Outros cativos moito máis pequenos van pasando á túa beira mentras tomas algo e intentan venderche case calquer cousa. Nada agradable.

Falando con Celina sobre a súa historia persoal quedei abraiada cando me dixo que ela era a 5ª de de 21 irmáns!!! Ai, a abuelita Luísa é a caña, mi madriña! Como dixo Celina, naqueles anos non había televisor.
Deses 21 fillos xa morreron nove (uns por enfermidade ou accidente, un deles morreu nunha manifestación a  prol de Daniel Ortega, unha furgoneta da policía bateu contra os asistentes;  e varias mulleres finaron por complicacións no parto; Carla é a máis pequena de todos e tiña unha irmá xemelga pero morreu ó nacer) ;  outros viven en Costa Rica, onde a emigración nica é moi forte pois a diferencia salarial é enorme. O fillo máis novo de Celina (con 21 anos) de feito está alá.
A Luísa, qué pedazo de muller tan enerxética e activa traballando na casa e con tan boísimo humor, sempre de risas e contando contos… Sufrindo da asma, coas “calenturas” que a deitan na cama e aínda levanta facéndoche unha broma e cun sorriso. Bícame as mans e dáme apertas. Ten 79 anos.


Folklore, cociña alemana e teatro (23 de outubro)

Na Casa dos Tres Mundos ás 8 da mañá había un concurso folklórico de varias escolas públicas de Granada e arredores. Quelo estaba entre o xurado. Os gañadores foron o grupo de Nandaime, varias nenas con cestiñas na cabeza como complemento no traxe típico. Según a zona ou o tipo de baile os traxes cambian. Eu teño ganas de levar para España un traxe típico nica, polo menos unha falda como as das fotos con moito voo; no mercado de Masaya venden o traxe de adulto enteiro por uns 350 córdobas.
As “chinelas” son as sandalias de coiro que usan e a “cotona” a camisola bordada.





Tralo concurso de baile houbo outro moi interesante: Concurso de Lectura en Voz Alta. Tamén, varios nenos de diferentes escolas saían diante dun xurado e de nós (público asistente) a ler un conto cada un, iso a primeira proba; despois o xurado seleccionaba un fragmento dun conto para ler a primeira vista e sobre o que despois se lles facían preguntas de comprensión.
Ó parecer durante a época sandinista (anos 80), houbo inxentes esforzos por parte da revolución de alfabetización do pobo. Según Quelo, o analfabetismo é dun 3%. E os esforzos son grandes porque algúns profesores (como o señor José, de “Salomón de la Selva”) percorren duros camiños tódolos días; mesmo hai algunha escoliña de preescolar preto de Granada que en realidade se ubica na casa dunha veciña, por non haber local para os nenos (é un proxecto da organización do Tío Antonio).
Durante a celebración do concurso unha señora foi repartindo zume e pan doce frito ós asistentes. Un agradable detalle a media mañá.





Hoxe cociñaba Lenya e fixo un prato típico alemán: Kartoffeln Puffer (un guiño para Carmen, jeje!, que saibas que non practico nada). A Celina gustoulle: unha base de “papas” raiadas (patacas) con ovo, fariña e sal coa que se preparan unhas tortas coas que despois se acompaña unha mestura de trociño de mazá con canela, zume de limón e azúcar. Sinxelo e rico.




Ás 4 quedei con Óscar para falar sobre o meu horario e de paso fomos ata o mercado e ó Palí a comparar prezos para a preparación do que será o almorzo e o refrixerio que recibirán os nenos máis os asistentes ó concerto, algo parecido ó do concurso de lectura. Vai cociñar a muller de Don Desiderio, un señor que dá clase de guitarra en “Calli-Tanday” e que vai colaborar con Ritmo en los Barrios para o día do concerto, e por suposto vai ser axudada por voluntarios e outras mamás xa que cociñar 50 libras de arroz non debe ser cousa doada.
Eu aprobeitei e merquei un montón de cousas: xabón, té de rosa de Jamaica (boísimo fervido con canela e tomado frío con azúcar), arroz, piña (outra vez, slurp!), “chilote” (como mazorquiñas pequenas e estreitas coas que a señora Luísa fai un guiso riquísimo), plátano maduro (o de freír) e outras froitas: guayaba de mesa (que nin a señora Luísa nin Enrique coñecían ¡¿?¡ e que estaba moi áceda, botámoslle sal) e “pitaya”, unha froita fermosísima que seica nace dunha pranta que vive coma parásito noutros “palos” (árbore), é de espiñas cun nome que non lembro e ás veces os que cultivan esta froita insertan a pranta no tronco doutras árbores para que floreza ou tamén nace salvaxe desta maneira (púxenvos unha foto no último slide).

Ás 7 quedara con Giuseppe para ver unha obra de teatro na Casa, tamén (é o centro cultural da cidade). A compañía era Teatro Justo Rufino de Managua e a obra “Sopa de Muñecas”. Falaba sobre a violencia intrafamiliar e estivo bastante ben; houbo un breve coloquio ó final onde a xente estivo comentando algunha cousa.
O problema da violencia doméstica en Nicaragua é moi forte, todavía custa moito facelo público e a xente esconde todo tipo de abusos e maltratos, a mulleres e nenos especialmente.

Unha vez rematada a obra fomos ata un local máis ben de "gringos" (estranxeiros), o Imagine, onde un cantante de Managua bastante coñecido en Granada daba un concerto con guitarra, voz e percusión. É Moisés Gadea, de tradición musical pois o seu tío ó parecer xa foi ou é un cantautor recoñecido. Quizais lembre o nome noutro momento.