Esquecéusenos comentar de Estelí que como pobo non ten case ningún atractivo, agás o Parque Central e a Catedral pero o resto é un discorrer de rúas con comercios de roupa americana e zapatos en casas dunha soa pranta carentes do pasado colonial de Granada ou León, que foi finalmente o noso destino dende o Sábado.
Recibimos a Sara diante da Catedral de Estelí e houbo cambio de plans e en vez de ir á Estanzuela marchamos directamente para León. Valoramos que era mellor aproveitar os dous días ben alí que non ir ás présas e correndo o domingo a León xa que Sara tiña que estar de volta en Somoto o luns ás 2.
Despois de comer relaxadamente e poñernos os tres ó día, emprendemos a viaxe León nun autobús que tiña os altofalantes tan grandes como as rodas! Un bus deses escolares amarelos americanos dos anos 60 ou 70 (vai ti a saber...) no que nos puxeron un DVD cos grandes éxitos en vídeoclip do reggaeton e marchamos dúas horas sufrindo os distorsionados graves que facían retumbar a chatarra do chan.
Sara deu por falar co seu acompañante e pedíulle datos sobre León e cando eu me unín á conversa ocorréuseme preguntarlle polos "hervideros de San Jacinto" que coñecera por internet e me parecía interesante visitar; resulta que estaban no camiño a León, uns 20 kms antes, así que cuadrábanos perfecto facer unha parada nesa vila, visitar o lugar e despois continuar cara León. Así o fixemos.
Nada máis entrar no pobo veu recibirnos un neno correndo preguntándonos que se podía ser o noso guía, claro! A él uníronse outros sete cos que acabamos paseando entre as "fumarolas", ata nos ofreceron unha bolsa chea de barro con marabillosas propiedades para a pel e os "piquetes" de zancudos (ai, abríronseme os ollos de desexo...) pero resultaba difícil cargar con aquel fardo de barro fervendo recén recollido dun furado volcánico.
A visita foi breve pero agradable, os nenos de aquí fanse querer dende o primeiro momento.
Voltamos coller o bus. Chegamos a León e buscamos hostal. Xa instalados demos un pequeno paseo ata o restaurante vexetariano que nos suxerira o señor do bus e que nos decepcionou un pouco. O mellor un guitarrista e cantante que nos deleitou cun concerto privado e que o facía realmente ben, mesmo nos cantou a Aute coa súa peculiar voz rasgada.
Ó día seguinte, domingo, marchamos á praia de Las Peñitas nun bus (amarelo deses...) cargado ata os topes de seres humanos apiñados coma sardiñas en lata, os polos que van ó matadeiro case van máis cómodos (con todo o respeto para os pobre poliños que van ó matadeiro). Un non entende cómo son capaces de seguir deixar entrando xente, e veña máis xente... e cando parece que non colle ninguén máis aínda meten a unha rapaza preñada á que lle asoma a barriga pola porta, un saco de sabe Deus qué e un feixe de sillas de plástico! Increíble, e a xente non di nada, bueno, corrixo, houbo un valente que alá polo medio do corredor berrou que xa estaba cheo como media hora antes de saír pero con esa excepción e mais nós que tamén fixemos algún comentario ninguén máis dixo nada.
Pero por fin chegamos á praia, ó Pacífico.
Disfrutamos dun día de praia para o que non teño palabras, na miña vida pasei tanto tempo dentro da auga. Foi realmente unha gozada meterse por fin nese Oceáno.
Outra manada de nenos pasou a metade da tarde xogando con nós.
Chegamos todos un pouquiño queimados á habitación (tranqui, mami, que temos cremiñas e tampouco foi para tanto).
Hoxe luns emprendemos camiño cara San Juan del Sur e as praias dos arredores.
Ata nova crónica!
No hay comentarios:
Publicar un comentario