Un día sen moitas novidades (16 de outubro)


O día de hoxe non foi especialmente interesante tendo en conta todo o que estou acostumbrada a ver e vivir ultimamente.

Yasir tiña festa na escoliña e vestíuse de novo co traxe típico pero esta vez xa posou de mellor gana.

Houbo reunión de novo para o ensaio e preparación do concerto de Ritmo en los Barrios pero eu tiven que ausentarme un par de veces para poder ir a unha cita cun posible patrocinador mais non tivo éxito, fixéronme ir a unha hora e o socio non estaba así que me citaron para outra hora e o que me citara era o que non estaba nesta ocasión. En fin…

A iso da unha e algo vin a casa para comer e estiven na casa charlando con Lenya, que chegou pouco despois. O resto da tarde mirei material para as clases (xogos musicais principalmente) e despois fomos a un concerto que había na Casa dos Tres Mundos, que supoñíase gratis e non foi finalmente. A xente, unha vez reunida, decidíu non ir. Mentras non chegaban os demais estivemos vendo o ensaio do coro da Casa dos Tres Mundos, un coro que non soa mal e que ten un estilo moi “Broadway” na montaxe das cancións, escoitamos e vimos un “Oh Fortuna” do Carmina Burana moi especial.
Voltei para casa, precisaba descansar.

Así que vou adicar esta ocasión a comentar pequenos detalles nicas que son curiosos e se me acordan agora: a linguaxe xestual é interesante, para sinalar algo ou alguén empregan a boca e beizos e o xesto de comer é o movemento da palma da man cara a boca (adiante e atrás… bueno, en realidade é difícil de explicar algo coma isto dos xestos); facer “ray” (non sei se o escribirían así…) é facer autostop e “andar a pateperro” ir de viaxeo ou de paseo; a “pulpería” é un lugar de venta de comidas, eles non comen pulpo (e hai moitas pulperías); o “jugo” é o zumo, o “chancho” o porco, a “res” a vaca, o “abanico” o ventilador e a “pena” é a vergonza.
Iso de momento.






Escoliña "Salomón de la Selva" (15 de outubro)

A mañá de hoxe tíñaa libre así que fun buscar patrocinadores pola cidade, aínda percorrín unha cantidade importante de lugares. Todos me dan respostas para a semana que vén en diante, a ver se obteño algunha positiva. Merquei unha pucha (gorra), importante.

Ás 2.45 quedara con Josué (profesor de Ritmo en los Barrios) para ir á escoliña de “Salomón de la Selva”, situada no medio rural dos arredores de Granada.

Hoxe fixo moitísimo calor e eu estaba morta a iso da 1, deitei na hamaca e sentía como se me tivera pasado unha camioneta por riba. Por iso baixei antes ó centro a tomar un café a un lugar onde quedara debendo tres córdobas pola mañá…é que cando fun pagar dinme conta de que ó mellor levaba os cartos xustísimos e así foi (a máis de un lembraralle a algún que outro momento comigo…).
Non houbo problema por parte das rapazas así que todos tranquilos.

O camiño ata “Salomón de la Selva” é toda unha aventura: situado preto do cerro “Posintepe”, principalmente de terra e pedras, charcos (hai un xigante), gando, casiñas de tablóns de madeira á beira do percorrido… pero chegado un punto xa non hai máis que árbores e prados. Algúns nenos teñen que andar ata media hora para chegar ata alí.
Namorei dese lugar. Hai poucos nenos pero a felicidade que alí se respira é inmensa.
Saudáronme poñéndose de pé.
Alí traballa como profesor de luns a venres un rapaz italiano, Giuseppe, ó que os nenos chaman José. El colabora cunha organización que se chama "La Esperanza" e coordina diferentes traballos de voluntariado (alfabetización, construcción de escolas...). Falei con el e creo que vou intentar ir a “Salomón de la Selva” polo menos dous días á semana, apetéceme moitísimo traballar alí. Intentarei dar clase de música e apoiar no estudio das diferentes materias, como español, teñen un nivel moi moi básico.
Giuseppe botoume 25 anos, jeje!

Marchamos xuntos Josué, Giuseppe, o profesor José e mais eu. No camiño “punchou” a bici do profesor (é o risco que ten ese percorrido) e Josué e mais eu adiantámonos para poder chegar ó “Palí”, o supermercado, xa que a abuelita Luísa me pedira mercar un litro de leite para facer mañá o “atol de millo” que levará Yasir á escola (teñen unha festa típica).
Tamén quería chegar á casa de “Calli-Tanday” antes das 7 para pillar a Eliza, xa tiña ganas de vela despois de coñecela en Lugo. E cheguei a tempo.
Estivemos falando longo rato, de moitas cousas: do meu posible traballo na casa, de ir visitar con elas as zonas rurais onde levan a cabo proxectos varios, e mesmo suxeríume saír xuntas de excursión ó que por suposto preguntei que para cando. O sábado ás 10 quedei con ela para ir coa súa filla a “Catarina”, que creo é máis fresco ca Granada e xa teño ganas de notar unhas temperaturas máis baixas, xa.



Mercado en Masaya e "Calli-Tanday" (14 de outubro)

Estas crónicas están sendo moi extensas, seino, o que supoño é que co tempo reducirei o seu tamaño xa que as novidades deixarán de selo e a rutina dos acontecementos farán que non vos conte tanto como ata agora.

Ó final non fun á escola así que lle propuxen a Celina ir de mercados por aí cando ela rematara de traballar. Estiven en casa lendo, tocando un pouco a guitarra e fun ó ciber. Hoxe pasoume unha cousa curiosa alí, o señor que atendía (que habitualmente son dous nicas máis noviños) díxome que se podía agardar polo ordenador e sinaloume as cadeiras que alí había; unha vez sentada apareceu cun libro para que me entretivera, qué detalle, pensei pero en canto vin a portada comezou todo, é que era o Novo Testamento! Eu deille as gracias e comenteille que estaba ben, que non me apetecía ler; claro, el decidíu indagar e comezou a preguntarme que se non me gustaba, que por qué, que acaso non me gustaba saber sobre o home e o mundo… eu díxenlle que me parecía interesante pero que prefería outro tipo de lecturas; tampouco lle satisfaceu a miña resposta e comezou coa música, que se non me gustaba a música cristiana que tumba que dálle… pois puxo música cristiana.
Ata aí. Cando menos foi un curioso encontronazo mañaneiro.
Xa logo fun encontrarme con Celina na esquina do Parque Sandino e quixo ensinarme o supermercado caro de Granada, La Colonia, onde van mercar os que teñan cartos; Celina vai ó Palí, a carón do mercado de postos na rúa.
Falando falando comentei que un día quería ir a Masaya, ó mercado de artesanía (moi recomendado na LonelyPlanet) así que Celina, que non tiña qué facer ata as 6, propuxo coller o bus e marchar nese mesmo momento. Foi xenial!

O traxecto ata alí, a chegada ó “parking” de Masaya (por chamalo dalgunha maneira…) e a entrada ó mercado, como unha gran praza de abastos de “abarrotería” (como din aquí para unha tenda que vende de todo). Incrible, aquelo era un auténtico labirinto de postos e máis postos agrupados según xénero (zapatos, artesanía, roupa, cereais, verduras, xoguetes…) e cando digo labirinto quero dicir realmente labirinto.
Menos mal que viña Celina porque perderse é o máis normal do mundo, continuos zigzagueos por corredores que nunca sabes onde van dar, a onde sairán. Marabilloso.

Deunos a hora de comer e fixémolo nun dos comedores que hai dentro do mercado, o que a Celina lle gusta máis por ben posto e hixiénico. Un menú ben potente.

Saímos dese recinto e levoume ó mercado vello de Masaya. Chámanlle así porque supoño o sería nalgún tempo e porque está situado dentro dunhas ruínas que parecen unhas murallas coloniais, o que pasa é que cando o ves pensas que se ese é o mercado vello, logo o outro sería o novo? E non cuadran moi ben as imaxes…
Ah, probei unha froita ben rara (vermella e como con púas que en realidade son blandiñas) que se chama “mamonchino”, Deus, qué rica…

De volta en Granada fomos buscar a Yasir á casa de Helen, a mellor amiga de Celina. Foi un pracer coñecer a esoutra familia, teñen unha bebita de 28 días que é para comela, a ver se lle quito foto un día.

Despois quedara con Quelo na casa comunal preto do Hospital Viejo, “Calli-Tanday” (casa comunal en nagual, lingua indíxena). El dá alí clases de frauta a varios rapaces. Tiña moitísimas ganas xa de achegarme ata ese lugar e impresionoume do bonita que é, situada ademais nunha zona moi humilde de Granada.
Coñecín a Jorge, un dos educadores da casa. Aquí hai rapaces becados pola casa que durmen e fan alí actividades diversas, en réxime de internos; tamén acuden ás actividades nenos dos tres barrios ós que atende “Calli-Tanday” pero que despois van durmir ás súas casas. Estivemos falando porque quizais poida facer algo alí. Sería xenial.

Xa fóra, fomos mirar de patrocinadores para o concerto, aí seguimos. Mañá vou ir eu pola mañá a ver se teño sorte, creo que co plano pode ser unha boa oportunidade de entender e coñecer mellor a cidade.


Escuelita "Juan Diego" e máis...(13 de outubro)

Hoxe tiña que estar diante da Casa dos Tres Mundos ás 6 da mañá. Alí quedei con Quelo para ir á escola “Juan Diego”, nome daquel que un día se encontrou coa Virxe de Guadalupe no Tepeyac, unha zona rural a uns 10 kms de Granada e costa arriba, está na saia do Mombacho.
Fomos en bici ata o cemiterio de Granada, onde colles o autobús que te achega ata alá. Quelo ó parecer leva o curso enteiro subindo todo o camiño en bici pero como hoxe ía eu de “lastre” foi mellor a opción motorizada. Os rapaces encargados subíronnos a bici ó tellado do autobús e unha vez sentados veu o “revisor” cobrarnos 10 córdobas. Uns buses sempre peculiares sobre todo sorprendeume (e tamén non me sorprendeu) ver un altavoz colocado enriba dos portamaletas dentro do bus, apuntando directamente cara a zona onde iamos sentados: se xa me cansaba a canción do Baute e a Marta Sánchez, agora aborrézoa, e imaxinaredes por qué… Ese volume atronador a esas horas da mañá non é sano, pero non só no bus, na tranquilidade da mañá tamén se pode escoitar música a intensidade a tope saíndo das casiñas tanto da cidade coma das aldeas, de veras, casiñas algunhas feitas de tablóns de madeira ou bloques, é o mesmo, algúns (bastantes…) teñen ese gusto. Eu son afortunada, na miña casa non lles dá por aí e na mesma rúa non hai ningún esaxerado tampouco.
Por certo, algunhas fotos do slide vense moito mellor cando se coloca o rato enriba, non sei por qué no slide se escurecen un montón... Se alguén me pode suxerir algo que facer na cámara, graciñas!




Baixamos e baixáronnos ás bicis ó pé dun camiño á esquerda da estrada. Había unha luz diáfana da mañá pero entrando a través da bruma, a néboa que comezaba a erguerse cara a cumbre do volcán. Saquei fotos pero unha vez vistas no ordenador non creo que fagan xustiza a ese espectáculo, unha mágoa…
E pedaleamos lentamente a través do camiño, primeiro de formigón e despois de pura terra, camiño de monte ó pé do cal viven as familias e os nenos percorren para ir á escoliña.
No camiño hai un lugar de retiro levado por monxas e Quelo díxome que pagaba a pena ver a vista dende alí. Subimos á terraza. Foto.




Chegamos á escoliña “Juan Diego” pouco despois e os nenos agardaban ás profesoras xogando nos columpios.


Quelo presentoumas e fun coñecendo a algúns dos nenos que por alí andaban. Esa escoliña de momento só ten tres graos e tamén atenden a nenos de preescolar, pero quizais aumenten dous máis para para o próximo curso.
Tocou primeiro cos de 1º e tamén nos trouxeron para a aula ós pequeniños de preescolar. Coñecelos foi xenial, as miradas e sorrisos dicíano todo; nenos que non teñen nada e que disfrutan con calquer mínimo detalle que un lles ofrece, tanto musical coma humano. E igual resultou coas outras dúas clases.
Espero que poidades apreciar nas fotos exactamente cómo é a escola na que dan as súas clases, tanto a construcción (escolas de bloque e cinc) coma a escasez de recursos educativos (apenas nada); en canto a música se refire o que colle no fondo dun saquiño é do que dispoñen, un par de triángulos, un par de claves, uns crótalos… pouco máis. O entorno, iso sí, inmellorable.
Eu saco conclusións disto que vou vendo e que tamén dalgún xeito ou outro xa coñecía e imaxinaba pero recoñezo que non é a palabra o meu, así que prefiro deixalo aquí. Que cada un siga por si mesmo.





Unha vez rematadas ás clases fomos todo o camiño de volta en bici, un marabilloso paseo ata Granada. Parei sacar fotos dunha árbore xigantísima que creo que se chama “malinche” e mais da parede da mina de onde sacan o material para o formigón, seica. Tamén fixemos unha parada na escola “Epifanía”, ó parecer é da que naceu este proxecto musical, dende aí se espallou ás 9 escolas públicas nas que hoxe se desenrola.




Xa de volta en Granada levamos as bicis a compoñer outra vez: a miña burriña tiña que ser trasplantada a roda de diante e mais houbo que endereitarlle o “ring”, como lle chaman aquí, sería estabilizar a roda para que non baile. O primeiro fixémolo nun taller que coñecía Quelo bastante barato (amaño de “punchazo” 4 córdobas) e o segundo no taller do primeiro día, no que son realmente amables. Para que non agardes de pé sácanche unhas sillas para que sentes, amañan as bicis ó momento, e no primeiro déronme unha mecedora, moi típicas aquí en tódalas casas.



Ás 6 da tarde había clase gratuita de baile nun precioso hotel que hai preto da miña casa. Bachata e salsa (que me gusta moito máis) foi o que estivemos aprendendo; había moita xente estranxeira, voluntarios que traballan aquí con distintas organizacións. Divertido, tocoume bailar cun rapaz austríaco.
Ás 7 proxectaban na Casa dos Tres Mundos dúas curtas moi boas, unha brasileña (“A ilha das Flores”) e unha cubana (“Isla de la Juventud”). Se tedes ocasión, procurádeas.

Mañá tería que ir acompañar á profesora Marian a outra escoliña pero chamou Oscar e díxome que finalmente non podía ser. Así que vou facer plans con Celina, apetéceme que me leve por Granada adiante.

Á procura de patrocinadores e Escuelita "Yo puedo" (12 de outubro)

En teoría hoxe debía ir á Quinta dos Chavalos a ver as primeiras clases pero os nenos tomaron o día festivo (o Día da Raza Indíxena, creo) e non apareceron así que aproveitamos para levar ó taller da esquina a bici para parchar. Oscar viñera buscarnos a Lenya e mais eu ata a casa para ir xuntos. Oscar é o que agora leva a organización de Ritmo en los Barrios, un universitario (estudia Dereito) amante do teatro e da música.

Decidimos facer “plan B”, seguir buscando patrocinadores para o concerto do día 8 de novembro. Precisan cartos e aquí algunha xente é bastante reacia para cooperar. E por outra banda, o proxecto é moi reciente e polo tanto descoñecido por moitos na mesma Granada. Por iso o concerto deste ano é tan importante e pretenden darlle moita difusión coa actuación de Carlos Mejía, mesmo chamaron a dúas televisións locais.
Acudimos a unha empresa de aluguer de coches, a un hostal, á librería-papelería por excelencia de Nicaragua (a Gonper) e mesmo ó banco. A ver se respostan estes días favorablemente.
E xa que pasaba por aquí, se alguén está interesado en colaborar por pouco que sexa coa causa de Ritmo en los Barrios (sempre sen sentirse presionado por este comunicado) pode facelo, eu podería dar os datos bancarios onde poder ingresar algún cartiño.
Paseando pola rúa apareceu unha volvoreta, pero unha volvoreta xigante! As volvoretas aquí son tres ou catro veces máis grandes que as que nós podemos ver por alá. Fermosa, amarela.

Entrounos a fame a iso das 12 e fomos ó telepizza granadino a degustar unha pizza, media vexetariana e media carnívora (había disparidade de criterios así que como Salomón, á metade).
E unha vez recargada enerxía eu fun á Escuelita “Yo puedo”, levada pola fundación Building New Hope, onde Quelo estaba a dar clases de piano a uns cantos rapaces e rapazas, clases que terei que continuar eu cando el marche. Ademais había clase colectiva para ensaiar as cancións que esta "escuelita" en concreto vai interpretar no concerto de fin de curso.
Qué emocionante foi ver a estes nenos por fin. Non teño fotos do ensaio en conxunto, xusto se me acabou a batería da cámara.

Unha vez rematada a sesión fun con Quelo ó mercado. Paramos nun posto de queixos (teñen variedades de queixos moi sabrosas), nun de arroces e noutro do que aquí chaman “tortillas”, que sería algo parecido ó pan de pita pero máis doce, creo. Mentras pasábamos por diante dos postos puiden ver gran variedade de froitas e verduras, moi descoñecidas, e preguntamos qué eran e cómo se chamaban aquelas que Quelo aínda descoñecía. Pero se preguntas e non mercas non creades que lles parece moi ben, polo menos a algúns…
Espero ter fotos do mercado en breve, paga a pena.

Mentras estabamos nas clases caeu tremendo chaparrón que provocou apagón na zona onde eu vivo dende as 4.30 ata as 7.30 da tardiña, hora na que puiden ir mirar internet.

Ó voltar de internet a iso das 9.30 chegou Celina dunha reunión-concerto da Igrexa Evanxelista, á que ela adica moito tempo. Viña toda “ahuevada” porque aínda se tiña que poñer a cociñar para prepararlle a comida para o día seguinte ó seu fillo Olbin e de paso á familia enteira. Mentras limpábamos o arroz estivemos falando longo rato da súa vida e das dificultades da xente de aquí e das súas mesmas: aquí cóbrase un salario quincenal que pode rondar unhas 500 córdobas (se un euro son unhas 27 córdobas, máis menos…) e con iso hai que pagar alimentación, escolas, universidade, auga, luz, teléfono… dunha familia. E un dato sobre saúde feminina, facerse unha mamografía son unhas 700 córdobas.
Ás 4.30 da mañá Celina volve espertar para prepararlle o xantar ó seu fillo mañá para que o leve ó traballo.  Cando esta mañá seguinte eu espertei ás 5.15, tiña preparado tamén o meu.



En bici no lago Cocibolca e piñata (11 de outubro)

Hoxe domingo chamou Quelo pola mañá para comentarme se ibamos ó lago a bañarnos. O de bañarse tíñao eu dubidoso por varias razóns pero a idea de ir visitar esa zona pareceume imposible de rexeitar.
Ás 11 recolleume en casa e nas bicis collimos a ruta que vai a carón da escola da Quinta dos Chavalos, que está á beiriña do lago e fomos por unha estrada de terra que vai atravesando un barrio de casas que son chaboliñas, é unha zona moi marxinal.
Ó estar á beira do lago a vexetación é sempre exuberante, con árbores inmensas de ata 40 metros de alto. Quelo díxome o nome de algunha pero xa non son capaz de lembralo…
Ese camiño é un atallo dende a miña casa ata o que é o Centro Turístico de Granada, un paseo fluvial con amplas zonas verdes, parques para os nenos e grandes “chiringuitos” para comer peixe frito e de noite bailar merengue, bachata, salsa…
E bordeando o lago hai como unha praia fluvial inmensa na que a xente se baña, as mulleres sempre vestidas.
Cando se alonxa un do centro turístico aparecen postos de turismo de aventura con kayaks e ese tipo de actividades.

O lago Nicaragua ou Cocibolca (nome indíxena) é o máis grande de Centroamérica, arredor de 350.000km2! E dentro del está a illa de auga doce máis grande do mundo, Ometepe, que ás veces ata non se pode divisar ben pola bruma e as nubes que a cubren pois é unha montaña alá ó lonxe. Tamén hai outra illa, Zapatera, máis preto e visible á que se pode ir en “panga”, unha embarcación típica de aquí, a facer rutas de natureza; en Zapatera tamén se poden visitar zonas con petroglifos e outros vestixios indíxenas que americanos e mesmo españois levan expoliando hai moito tempo (sen comentarios).
Para que vos fagades unha idea, Granada ten ós seus pés o lago Cocibolca e facéndolle garda a carón o gran volcán Mombacho, cuberto por espesa vexetación tropical (lémbrame á película “Gorilas na néboa”) e coroado por nubes. No noso paseo, nos prados nos que pastan algunhas vacas, podes ver enormes rochas volcánicas por aí espalladas que din que foron escupidas polo Mombacho e hai cada unha… Menuda forza o Mombacho, tal é así que quizais as “isletas” máis pequenas tamén fosen escupidas por el fará uns 10.000 anos.
A nosa ruta continuou precisamente bordeando a zona de Puerto Asese, a Penínula de Asese, a carón do arquipélago tropical das isletas, onde todavía hoxe viven familias moi pobres de pescadores que alí subsisten moitas veces sen ningún tipo de dereito sobre o que deberían de ser as súas propiedades.

E na bici, atravesando esa vexetación tropical, chegamos a onde Quelo me quería levar, un centro de menores que á beira do lago nunha zona pouco turística que se coñece como “Los Quinchos. Casa Lago”, fundado gracias á cooperación italiana. Alí nos recibiron varios rapaces que xa coñecían ó meu compañeiro de ruta e que estaban elaborando pulseiras e hamacas para logo vendelas. Iso é o que fan cando non teñen as horas de estudio na escola ou de autoestudio no centro.
O lugar tiña unha maxia especial, a paz que alí reinaba baixo as árbores, vendo as illas coas casiñas dos pescadores á beira, pedía quedar moito máis tempo. Ademais a compañía era agradable pois mentras Quelo se bañaba apareceron o profesor que ese domingo quedaba acompañando ós rapaces todo o día e máis Jeffrey, un dos “chavalos” do centro, e falamos de fútbol, de música, da historia das isletas e de monos! Seica hai unha raza que eles chaman “congos” que en familias baixan de noite beber ó lago e arman tremendo bochinche cando voltan cara o cerro do Mombacho.
Pero había que marchar.

Tras un camiño de volta baixo o sol e co sillín da bicicleta facendo callo, chegamos á miña casa. Celina, que é moi relixiosa (evanxelista), tiña unha reunión na igrexa ás 5 da tarde e o neto ó mesmo tempo estaba invitado ó que eles chaman unha “piñata”, un cumpreanos dunha compañeira da escola de preescolar. Como o pai tampouco podía levalo pedíume se por favor podía quedar eu con el na festa. E alá fomos, eu no guardabarros de Quelo (porque a miña bici apareceu “punchada” despois do trote a través do monte) e Olbin na outra bici con Celina e Yasir.

Chegamos á casa do cumple e alí estaba a nena homenaxeada co que digo eu será o tipo de vestido que se poñen para celebrar estas cousas, era un vestido de festa amarelo brillante con volantes e outros adornos (moi discreto…). Nada máis entrar dáselle o regalo á nena e cada mamá senta nunha cadeira a carón do seu pequeno, sentado noutra pero do seu tamaño. E poñen música.
Aiii, qué volume… aquelo era algo insoportable, os bafles rompían os tímpanos meus! Imaxinade os sensibles oídos dos cativos… E non era música infantil, non, era puro reggaeton!!!
Logo chegou a hora da piñata e un por un o neno que quere vai darlle golpes a un Winni DePooh (non sei cómo se escribe) xigante que un home cunha corda baixa e sube ó seu antoxo.
Yasir estaba tímido e medoso ó principio pero despois soltouse cando chegou o xeado e todo valdregas poñía bigote de fresa bromeando comigo e con outra nena.

Onte fixo un calor intenso con sol forte. Pero Nicaragua ten a particularidade de que de súpeto se cubra o ceo e comece a chover torrencialmente por un perído non moi longo de tempo, onte ademais rompeu a tronar, todo mentras estabamos na festa de cumpreanos. E qué tronos… parecía que o tellado de cinc ía reventar pero unha mamá que había alí ó meu lado xa me dixo que era normal. Todo o mundo estaba tranquilísimo, claro.
Cando escampou Yasir quixo marchar e voltamos para casa, un taxi parounos e xa levaba a unha mamá coa súa nena e despois de recollernos a nós aínda subíu outro rapaz. Taxi comunitario.
De volta á casa.








Coñecendo a cidade (10 de outubro)


Esta mañá lavei roupa no patio. Lenya marchou á praia a San Juan del Sur pero eu decidín quedar para coñecer mellor a cidade e establecerme mellor.
Mentras lavaba chegaron un rapaz e unha rapaza e acompañados por Celina foron polos diferentes lugares da casa que tiñan auga estancada botando algo dunha bolsa; era como uns polviños que despois me explicou Celina que servían para evitar que explotasen máis zancudos (mosquitos, lembrade).
Celina preparou para almorzar frijoles, plátano frito e salchichón frito. Sempre ten preparado o almorzo de todos, mesmo esperta ás 4 da mañá para prepararllo ó seu fillo Olbin, que marcha na madrugada a traballar nun matadeiro de polos.

Ás 12 veu buscarme Quelo e en bici entramos no centro pola rúa do Comercio, chea de xente e locais moi diferentes, bancos, hoteis, ferreterías, tendas de roupa e unha tenda de bicis e repostos onde había un posto para cambiar de dólares a córdobas… e de aí á Casa dos Tres Mundos a encontrarnos con Oscar e falar do concerto. A Casa dos Tres Mundos é impresionante, un edificio colonial con patios interiores e estancias múltiples onde se realizan obradoiros de pintura, serigrafía, fotografía, danza folklórica, samba, unha radio retransmite dende alí e tamén se dan as clases de música para os nenos. Nun dos patios está o retrato en azulexo do que creou a fundación cultural “Casa de los Tres Mundos” porque en realidade o nome é o de Casa de Los Leones. O outro patio é un verxel con moitísimas prantas e os nenos tocan entre elas.

Despois da reunión comimos unhas porcións de pizza e Quelo me ensinou cómo ir ó mercado, cheo de pequenos postos cargados de centos de cousas diferentes, un mercado moi moi humilde pero con moito encanto. Antes paramos no hospedaxe dun francés que ofrece comidas vexetarianas e elabora pans diferentes, integral, doce…

No mercado comprei as chanclas por 30 córdobas e unha toalla por 60.

Percorrimos moitos lugares ata chegar á casa de Quelo, preto do Hospital Vello, un edificio ruinoso que no seu momento debeu de ser impresionante. Entre esas imaxes divertidas, un home co seu neno colocado atrás e no manillar un pedazo de radiocasette, vello e moi curioso, antigo pero a moito volume!

Coñecín ó dono do hostal Kalala, un rapaz de Costa Rica que tamén leva unha tenda de artesanía nica; funciona como unha especie de cooperativa de artesanos que alí expoñen e venden parte da súa mercancía. Os voluntarios temos un 10% de desconto.

Quelo recomendoume vir ata á casa deixar os cartos que cambiara e despois volver ata ó centro. E quedamos con Guillem, un rapaz valenciano que tamén anda por aquí. Os tres fomos paseando ata unha igrexa grande e branca onde había unha voda, a idea era ir tomar algo pero chamounos a atención ver cómo era e paramos a sentarnos nun porche diante da igrexa e a que non sabedes qué soaba mentras a noiva aínda non facía a entrada… o himno de España!!! Quedámonos ollipláticos escoitando ó órgano o himno de España mentras a noiva agardaba fóra. Tremendo. Despois, coma sempre, a marcha nupcial e cancións de Igrexa.
Corría brisa fresca mentras charlábamos. A xente facía grupos alí ó carón e uns homes sacaron as guitarras, pero non chegamos a escoitarlles nada.
Eu marchei pouco despois. Ó chegar á casa Luisa preparoume para cear arroz con frijoles con queixo raiado todo espolvoreado por riba. Rico.






Coñezo, por fin, á xente de Ritmo en los Barrios (9 de outubro)

Esta mañá Celina ía levar a Yasir, o seu neto, a unha festa da escola de preescolar á que asiste e ía vestido co traxe típico, coa “cotona”, a camisa floreada que levan. Ó principio estaba tímido comigo pero agora xa nos levamos moi ben.


Celina deume para almorzar plátano frito e queixo frito en aceite de “ajonjolí”, e por se fose pouco tamén arroz con “frijoles”. Moi contundente.

Lenya é a rapaza alemana tamén voluntaria de Ritmo en los Barrios e tamén vive con nós, con esta familia numerosa. Xa chegou fai un mes. É moi nova, só ten 21 anos, pero moi desenvolta.
Contoume que quedaran para ensaiar as cancións todos os profesores e voluntarios nun edificio da asociación Building New Hope, que lles cede o local os venres. Fomos andando ata alí e o percorrido ata o centro da cidade xa foi curioso, coñecendo as rúas preto da miña casa. Algúns homes ó pasar nos dicían “Hei, gringas” e algunha cousa máis pero Lenya comentou que sempre son así, que con non facerlles caso xa está.

A medida que un se vai achegando ó centro as casas trasladan a un á época colonial, son realmente bonitas, con tellados de tella e moitas cores. E o centro é impresionante. Granada é a cidade colonial máis antiga e mellor conservada de Latinoamérica. Remontarse ó ano 1500 resulta doado.
Lenya mercou un “fresco” a unha vendedora ambulante no parque central , unha especie de zumo natural de froitas diversas rebaixado con auga e con xeo. Sírvese nunha pequena bolsa de plástico cunha palliña asomando a través. Tiña moi boa pinta pero con iso de que de momento me debo acostumbrar pouco a pouco á auga de aquí preferín non tomalo.

O ensaio estivo moi ben porque coñecín a practicamente toda a xente de Ritmo en los Barrios: Don Desiderio, Juan, Josué, Oscar Danilo, Alexander, Quelo, Andrea, Sara… creo que non esquezo a ninguén. E ensaiaron as cancións que cantarán os alumnos das escolas onde traballan e nas que eles acompañarán con instrumentos, cancións todas de Carlos Mejía Godoy, o cantautor nicaragüense que tamén actuará o día do concerto co seu grupo, os de Palacagüina.
Aquí tedes unha foto do ensaio.

Tralo ensaio houbo reunión para precisar cousas dese concerto que mencionei. Trátase dun evento importante dentro da asociación, moi importante, é a maneira de dar a coñecer qué está a facer esta xente en diferentes escolas de Granada e tamén un xeito de premiar ós “chavalos” e facelos máis felices coa música e en xeral.
Despois da reunión, na que tamén falamos do que podería facer eu o tempo que esté aquí, fomos rematar de pintar unha “manta” publicitaria que colgarán do balcón da Casa dos Tres Mundos, ou Casa de los Leones. Na escola La Quinta de los Chavalos, unha escoliña nunha zona marxinal á beiriña do lago Nicaragua. A primeira cousa curiosa foi que Quelo (rapaz de Valencia que vai cumplir un curso enteiro aquí) me levou na bici, sentada no guardabarros, entre el e o manillar! E claro, tiña que pasar algún incidente e ó intentar evitar un charco inmenso non houbo control e eu caín cos dous pés dentro. Pero así se desplazan moitas familias aquí: papá pedalea e dirixe, mamá diante no guardabarros e no colo o bebé.

Chegamos á escola. Rematamos de pintar a tela e varias nenas deixaron a pegada das súas mans. Puiden coñecer a inmensidade do lago que se pode ver dende a escola. E alí deixáronme unha bici que gardan para poder utilizala voluntarios ou rapaces, así que eu xa teño burra para mentras esté aquí. Nada máis saír da escola fomos a un lugar moi preto onde ma compuxeron, amañárona en pouco máis de media hora: freno, cámaras e un neumático novos e engrasado de cadea. Todo, pouco máis de 100 córdobas. Se o euro son unhas 27 córdobas, calculade.
Quelo acompañoume a casa e xa quedei aí tranquila, repousando, falando con Celina e xogando co neno na rúa, onde corre a brisa pola noite.

Aquí vos deixo un pequeno slide con imaxes, se poñedes o rato enriba podedes ver algunha explicación.


Voando e aterrizando en Nicaragua (8 de outubro)

Por fin dou sinais de vida.
Levo dous días en Nicaragua (creo que todavía non os completo) e iso é o primeiro que teño que aclarar.
Todos contábades coa miña partida para o día 1 de outubro pero o peso que carguei na maleta fixo que me aparecera unha forte dor de espalda na zona dunha vértebra, así que por precaución decidín, moi ben aconsellada, aplazar a saída ata saber que non era nada e que podía marchar tranquila. E xusto para unha semana despois collín o novo billete. O “gracioso” é que a dor seguro foi provocada polo moito que pesaba o material bibliográfico que para aquí traía, a razón desta viaxe foi a razón para quedar, irónico.

Comezarei polo principio. A viaxe.
Despois das présas por chegar ó aeroporto, collín o avión rumbo a Atlanta case sen despedirme (e case mellor tamén que fose así). Deixáronme subir a guitarra sen problemas e acomodeime esperando ó compañeiro, que resultou ser un tipo de Santiago que levaba 9 anos traballando como contable en Orlando. Total, xa comezamos a falar (porque falar falaba un rato…) e iso me axudou a distraerme cos nervios polo despegue e demais.
Vin tres películas e outros tantos documentais durante o voo… Incrible, traguei unha de Russel Crowe en inglés sen enterarme absolutamente de nada, en español latino (ou sexa, mexicano) vin Terminator Salvation (caramba, esa sí que a podía ter visto en inglés, a trama non era precisamente complexa…) e finalmente unha película hondureña a mellor de todas pero moi dura, Sin Nombre, onde se cruzan a emigración cara EEUU e a mara Salvatrucha.

Xa en Atlanta e tras pasar os férreos controles de seguridade norteamericanos (menudos líos se traen…) tomei o avión cara Managua, que por certo tardou en despegar por un problema mecánico… Aiiiii, qué nerviosa me puxen… Por riba, xusto despois de comunicar que xa estaba solucionado e que por favor desconectáramos todo aparato electrónico, vai o xaponés que tiña detrás de min e lle soa o móvil mentras enfilamos a pista… Aiiiii, qué nerviosa me puxo… Mirei para el e pregunteille malamente en inglés se xa o apagara, a miña expresión xa era suficiente información…
Todo foi ben.

O primeiro que me sorprendeu foi que xa era noite pasadas as sete e media da tarde, de feito a partir das seis comeza a escurecer. Son 12 horas xustas de noite e día e durante o resto do ano.
Pasei o control de aduanas, onde tiven que pagar 5 dólares, e por min estaba agardando unha señorita da compañía de transportes que contratara para trasladarme a Granada. Recollín a maleta, busquei o repelente de mosquitos enseguidiña (graciñas, Rosa) e xa me levaron ata o microbús.

Tomamos a estrada do que me imaxino eran as aforas de Managua, con bastante tráfico, modestísimos hoteis, á beira casas de bloques e tellados de cinc e a xente afora, sentados nas cadeiras en conversación. Todo era tan estrano, de noite, eu tan cansada… que case non podo dicir qué sensacións tiña pero sí claro era o desexo de chegar pronto a onde me agardaban.
Foron uns 50 minutos de percorrido vendo rancheras cargando xente atrás, pequenos buses ateigados de humanidade, gasolineras con persoas agardando eses buses, restaurantes, cans vagando sós, nenos cruzando xogando e correndo… E cheguei a casa de Celina.

Celina e a familia viven nunha casa de cor rosa oscuro (ou vermello pálido, non sei) con bastantes cuartos (unhas 6 habitacións), cun salón cociña grande, un baño e un patio onde están os lavadoiros dos pratos e a roupa. O primeiro que recordo ó baixar do bus é o porche enrexado cunha hamaca verde colgando no medio. É unha casa de bloque e co tellado de cinc, o que fai que o calor dentro sexa moi forte durante case todo o día. Moitas casas aquí son así ou co tellado de tella, un pouco máis frescas.

Entrei e vin á avoa e un dos seus fillos cociñando tras da barra da cociña, Luisa e Olbin, e sentado nunha das mecedoras ó outro rapaz, Gabriel Enrique. Ó día seguinte coñecería a irmá de Celina, Carla, unha rapaza discapacitada que parece que tivera unha linguaxe propia, sempre anda a falar pero ninguén a entende, e mais Evelyn que é a moza de Gabriel. Tamén vive con eles o fillo de Olbin e polo tanto neto de Celina, un neno de tres anos ben riquiño que se chama Olbin Yasir.

Despois de ensinarme a casa ocupei o meu cuarto e fun a un local na rúa da esquina que é coma un locutorio onde hai teléfonos e internet, e alí chamei a casa. Percorrer esa pequena rúa ata o cíber foi como unha pequena primeira aventura porque era o meu primeiro paseo por rúas de Granada e o primeiro contacto con este mundo. Pero era coma a rúa dunha aldea onde a xente está fóra das casas ata as dez da noite ó fresco e saúdan ó pasar.

Ó voltar quedei falando un pouco coa familia e xa me fun deitar. Ata o día seguinte.
Aurelia, graciñas pola mosquitera.

Non souben qué dicir...

Onte fun a afortunadísima víctima dun engano: preparáronme unha marabillosa FESTA SORPRESA de despedida!
Tras non sei cantos días tramando esta historia, Beíña, Laura, Markis, Miguel, Álvaro, Saúl, Iriña, Pablo, Juan, Beta e mesmo Javi! apareceron detrás dunha pancarta laranxa berrando!!! E eu era completamente ignorante, en realidade diso se tratan as festas sorpresa evidentemente... O caso é que como coincidía o cumpre de Markis pois decidiron facer engano dobre e os dous recibimos regalo, je.

MilMillóns de Infinitas Gracias por un dos mellores regalos do mundo, ou non, o mellor regalo do mundo: VOÇÉ.
Xa sei que soa un pouquiño ñoño pero é o que hai.

A estas horas ando cos preparativos todavía, tampouco é de extrañar, en fin...

Preparativos...

Qué nervios... Só quedan cinco días para a miña viaxe a Nicaragua. Cinco días!

Despois de dúbidas acerca de se estaba facendo o correcto (a gripe A, o problema en Honduras, a cara de susto de miña nai...) finalmente decidín que sí, que quen non arrisca non vive e eu quero vivir esta experiencia.
Supoño que os meus medos-nervios son normais ante a inminencia do despegue dese avión (que tamén debo confesar que me dá un pouquiño de impresión... un pouquiño bastante, para ser de todo sincera) pero as estadísticas din tamén que debo collelo, seica hai máis posibilidades de que ó saír agora pola porta me leve por diante case calquer cousa. Así que polas estadísticas e por todas as cousas que me imaxino verei e vivirei, para diante.

Este blogue pretende ser (espero conseguilo) un diario da miña estancia alá. Para que quen me coñece saiba qué ando a facer e para que outras persoas se animen tamén a colaborar no proxecto musical de Ritmo en los Barrios na cidade de Granada e ó mesmo tempo coa xente que coñecín de Axunica na mesma cidade, que levan a cabo proxectos sociais en barrios de Granada e nas comunidades rurais.
A ver se todo sae ben e consigo manter unha rutina bloguera.